Este venres arranca a III edición do Gulliver Fest na área recreativa de Pedroso, Narón

 
A terceira edición do festival da cultura viaxeira «Gulliver Fest» arranca este venres, día 5 de agosto,  na área recreativa de Pedroso.
 
O Padroado da Cultura e a Asociación FurgoGalicia organizan esta convocatoria, que este ano bate o seu récord de participación con algo máis de 250 autocaravanas inscritas para pernoctar na área habilitada para tal fin. A zona camper abrirá ás 10.00 horas, se ben a programación propia do festival comezará a desenvolverse pola tarde, a partir das 16.00 horas.
 
Na primeira xornada do Gulliver Fest haberá un obradoiro de upcycling16.30 horas, para realizar unha mochila festivaleira, a partir dunha camiseta ou sudadera que xa non se utilice e que terán que levar as persoas interesadas en participar. Ás 18.00 horas Rubén Prieto abrirá as esperadas charlas viaxeiras, nesta ocasión falando do día a día e da lexislación sobre vivir nunha caravana, unha experiencia na que acumula xa cinco anos. Ás 19.00 horas darán comezo uns obradoiros para aprender a orientarse, sobre introdución a mapas e brúxula e ás 22.30 terá lugar a primeira sesión musical, a cargo dun DJ, que pinchará diferentes estilos musicais.
 
A programación continuará o sábado a partir das 9.00 horas, cando comezará unha carreira de orientación na que hai máis dun centenar de persoas inscritas. As charlas viaxeiras de “Titin around the world” sobre unha experiencia en autocaravana por Irán e Kurdistán e sobre perigos e riscos en actividades do medio natural e técnicas de supervivencia terán lugar pola mañá e ás 12.00 horas abrirá o mercado para, ás 12.30 dar comezo unha peza de teatro musical para público familiar, a cargo da compañía Teatro sobre rodas. A programación matinal rematará co concerto ó mediodía de Martins Aneiros Band.
 
Pola tarde continuará o teatro, haberá un obradoiro para crear chapas do festival e as charlas viaxeiras de Roberto Sastre, “O Pekín Express canino”, que falará dunha viaxe de tres anos en Asia cos seus cans e do xornalista Nicolás Castellano, sobre “A viaxe non desexada”. Nos concertos nocturnos actuarán Brassica Rapa, Missisipi Queen & The Wet Dogs, e Festicultores Troupe.
 
Na última xornada, o domingo 7 retomarase o programa con ioga ás 9.30 horas e ás 10.30 comezará a charla viaxeira de Diana Santos, que falará dunha viaxe de Alaska a Panamá, e á que seguirá outra de “Compass on the road, saltando fronteiras”. Xogos populares, teatro musical con Teatro sobre rodas e unha competición de xogos populares darán continuidade ás citas do festival. A música desta última xornada correrá a cargo de Tambores da Lagoa, Keepers e Broken Peach.
 
Tanto os concertos como as actividades son abertas á participación da cidadanía en xeral. Haberá postos de venda de produtos de alimentación, polbo, churrasco… e tamén un espazo reservado para a Biblioteca Municipal, que estará operativo o sábado de 11.00 a 13.30 e dende as 16.00 ata as 20.00 horas.
 
As persoas interesadas en consultar a programación ao completo poden facelo a través da web: www.gulliverfest.es.

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …