O Concello de Narón destina unha partida de 254.883 euros ó proxecto que permitirá urbanizar o vial de nova apertura entre a rúa Celso Emilio Ferreiro e a avenida de Cataluña.
A alcaldesa, Marián Ferreiro, recordou que se trata dunha intervención “moi necesaria e que mellorará considerablemente a interconexión desa zona da cidade, cunha elevada densidade de tráfico que gañará en fluidez coa apertura do novo vial”.
Dende o goberno local realizáronse os trámites oportunos para poñer a disposición os terreos necesarios para acometer os traballos contemplados neste proxecto, para cuxa execución tamén será preciso demoler unha vivenda ubicada no tramo.
Ós movementos de terras e pavimentación da calzada súmanse actuacións como a pavimentación das novas beirarrúas e a instalación de servizos, saneamento, abastecemento, electricidade, telecomunicacións…, así como a de gas e rego e a sinalización horizontal e vertical
O vial terá un ancho total de 12 metros, incluídas as beirarrúas, e unha lonxitude de 56 metros, cunha dirección en sentido de circulación dende a Celso Emilio Ferreiro cara á avenida Cataluña.
Na zona verde ubicada que se habilitará plantaranse varias especies arbóreas, habilitarase un área de céspede e colocaranse baldosas de formigón hidráulico coloreado e revestimento coloreado, así como baldosas de formigón táctil coloreadas.
Así mesmo, dotarase esta área de mobiliario urbán, concretamente bancos e papeleiras.
“Continuamos humanizando os barrios da nosa cidade e esta é unha intervención nese ámbito, que permitirá habilitar no novo vial unha plataforma única e cun espazo verde e outro peonil que enlazará a nova rúa coa que se atopa perpendicular”, destacou Ferreiro, que avanzou que “seguiremos avanzando nesa liña con este proxecto e o xa iniciado na avenida da Solaina”