Reunión de Ferreiro e Miñones para abordar varios asuntos relacionados con Narón

A alcaldesa de narón, Marián Ferreiro, reuniuse o luns, día 18 de xullo na Coruña co delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones e Nuria Llamas, axente de Transición en Galicia.

Na xuntanza abordaron varios asuntos relacionados coa cidade, entre eles, a necesidade de que Narón poida optar ás axudas ás liñas empresariais que se concederán no marco do convenio de transición xusta para As Pontes ante o posible peche da térmica.

Ferreiro incidiu en que na actualidade Narón se atopa nunha situación de desigualdade fronte a outras localidades tamén afectadas polo anunciado peche no caso de materializarse e defendeu o tecido empresarial de Narón, motor económico da comarca de Ferrolterra e que tamén sufrirá os graves efectos dese posible peche da central de As Pontes.

Sobre este asunto, o delegado do Goberno en Galicia avanzou que se abrirá unha nova liña de axudas dirixidas ao sector empresarial e garantiu que os empresarios de Narón tamén poderán optar a elas.

Co fin de abordar a situación máis polo miúdo Miñones ofreceu a posta a disposición de persoal técnico para poder aclarar posibles dúbidas ó respecto. O delegado do Goberno comprometeuse tamén ante a alcaldesa a desprazarse á cidade este mesmo mes, decisión que Ferreiro lle agradeceu de antemán.

Así mesmo, outra das problemáticas sobre as que falaron onte foi a situación que afronta unha quincena de familias de Piñeiros afectadas por unha orde de desahucio, paralizada provisionalmente polo Xulgado, do inmoble no que residen e alugaron vivendas descoñecendo que estaban embargadas e pasaron á Sareb, das que manteñen ó día o pago das cuotas.

Ferreiro solicitou a intermediación de Miñones para acadar unha solución satisfactoria para as persoas afectadas, con contratos de aluguer en vigor a nome de diferentes sociedades en cada caso.

En materia de infraestruturas a alcaldesa de Narón tamén solicitou a apertura da conexión da rúa Pontedeume coa FE-11, para dar maior fluidez ao tráfico rodado na zona e mellorar ó tempo as comunicacións nese núcleo poboacional da zona urbana. Así mesmo, solicitou outras actuacións en materia de seguridade viaria.

“Foi unha reunión moi productiva en canto ós plantexamentos realizados e na que o delegado do Goberno se amosou moi receptivo para tomar nota das problemáticas que plantexamos e que confiamos en que se poidan solventar porque afectan directamente ós nosos veciños”, subliñou Ferreiro.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …