O Concello de Narón abrirá este martes, día 19 de xullo, o prazo de inscrición nun curso de Prevención de riscos laborais e Medio Ambiente no sector naval.
A convocatoria, tal e como indicou a concelleira de Formación, Natalia Hermida, diríxese a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas no Concello de Narón e as solicitudes poden presentarse dende o citado martes ás 8.30 horas ata o 27 de xullo ás 13.00 horas no Rexistro Xeral do Concello, na Sede Electrónica, ou a través os restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
En total ofértanse vinte prazas, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición, e o curso terá unha duración de 16 horas e, a maiores, quince de módulos adicionais. As clases terán lugar no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, do 3 ó 11 de agosto de luns a venres en horario de mañá.
Os temas a abordar serán Conceptos básicos sobre seguridade laboral, Riscos de seguridade ligados á área de traballo e ao ambiente de traballo, Equipos de protección persoal, Ergonomía: manexo de materiais e cargas, Riscos específicos do sector naval, Almacenamento de substancias, Segregación de residuos, Actuacións ante derrames incidentais e Requisitos legais que afectan á nosa actividade, entre outros.
Na Sede Electrónica do Concello publicarase o listado provisional de persoas admitidas, suplentes e excluídas e o alumnado seleccionado será informado telefonicamente da súa admisión.
Así mesmo, a edil de Formación recordou que aínda quedan vacantes para anotarse ó curso de Fontanería, de 450 horas máis 15 de módulos adicionais, que se impartirá do 1 de agosto ó 15 de setembro no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz e nas instalacións das empresas colaboradoras en prácticas.
As persoas interesadas en obter máis información sobre estas accións do Programa Municipal de Formación poden consultar a páxina web do Concello, a Sede Electrónica de Narón ou dirixirse ó Servizo Sociocomunitario Municipal, chamando ó teléfono 981 337 700 (extensións: 1108 e 1109).