Coa lectura da declaración institucional do Día da Patria Galega, a cargo da escritora Ánxela Loureiro, concluirá o vindeiro sábado 23 de xullo o programa que organiza a concellería de Cultura de Fene para conmemorar a festividade do 25 de xullo.
O acto terá lugar ás 13 horas no parque liñal do Río Cádavo, a carón do Monumento Día da Patria Galega. Previamente, tamén esta semana, haberá dous concertos na praza do alcalde Ramón José Souto González, ámbolos dous con entrada libre e de balde.
O xoves 21 de xullo, ás 21.00 horas, actuará Ruxe-Ruxe co espectáculo Xira 2022 (Rede Cultural) e o venres 22, á mesma hora, será Boyanka-Kostova (Rede Cultural) quen suba ó escenario instalado a carón da Casa do Concello de Fene.
Ruxe-Ruxe en Fene o xoves 21 de xullo, ás 21 horas
Ruxe Ruxe é un grupo de música galego formado en Aríns (Santiago de Compostela) en 1996. A súa música é rock combinada con sons tradicionais galegos, empregando ás veces instrumentos como a gaita e o saxofón, e sempre con actitude punk. As súas letras son en galego e de temática moi variada e nelas predominan os textos costumistas, os de carácter social e o realismo máxico.
Formado por Vituco Neira, Iago Jorge, Xaco Barona, Xulia Neira, David Barbas e Xan Pericán, Ruxe-Ruxe leva postos á venda até o día de hoxe doce discos e teñen feito concertos por toda España, Portugal e Italia. Ademais, as súas cancións usáronse nalgúns programas de televisión e mesmo en filmes.
Concerto de Boyanka-Kostova o venres 22 de xullo, ás 21 horas
Boyanka Kostova, formado en 2016, é un dúo galego de música trap formado por Cibrán García (Saibran Yiyi) e Chicho (O Chicho do Funk). A banda procede de Santiago de Compostela e pertence ó selo e produtora compostelá La Melona. O seu nome procede da atleta búlgara de halterofilia do mesmo nome e son considerados os pioneiros do trap en galego.
Este dúo de músicos son considerados os impulsores do twerking rural e un dos grupos que conseguiron que o trap entrase con forza no panorama musical en galego. As súas cancións están cheas de retranca e unha gran esencia da música urbana.
Segundo Bernal Muíños: “Definidos en moitas ocasións con etiquetas como `flow costumista ́ ou `twerking rural ́, son quen de rimar sobre as temáticas propias deste subxénero do hip hop, pero tamén escapan de todos os tópicos para tratar asuntos do rural galego, sempre cun toque humorístico e de retranca”
As orixes do nome do grupo remóntanse a un día no que na televisión apareceu unha atleta búlgara de halterofilia, cun nome tan sonoro que se converteu tamén na marca do seu proxecto, Boyanka Kostova. Entre os seus traballos máis coñecidos están o EP Vella Canción Galega e os álbums Nova Canción Galega e Os Dous de Sempre, entre os que aparecen algúns dos seus temas de máis sona, como «Colacao», «Diego Tristán» ou «Muiñeira de Interior»
Lectura da Declaración institucional do Día da Patria Galega, o sábado 23 de xullo
O ciclo “Xullo, mes da Patria” concluirá o vindeiro sábado 23 coa lectura da declaración institucional polo 25 de xullo, elaborada este ano pola escritora Ánxela Loureiro. Nada en Ferrol en 1956, Ánxela Loureiro é mestra e escritora galega de literatura infantil e xuvenil. Cultiva diferentes xéneros literarios: teatro, novela, poesía e guión cinematográfico. Exerceu a docencia en colexios e institutos de Ferrol e o Centro de Formación e Recursos.
O acto terá lugar o sábado 23 de xullo, ás 13 horas, no parque liñal do Río Cádavo, fronte ó monumento Día da Patria Galega.
Máis información, na web do Concello de Fene www.fene.gal ou no Departamento de Cultura do Concello de Fene, tfno. 981 340 366.