As corais polifónicas da SCRD Agarimo de Sillobre e da ACRD O Pote de Maniños, xunto coas rondallas Estrelecer do CMI Unidade de Fene e Perla do Río do CCRD de Perlío subirán este martes, 12 de xullo, ó escenario da praza do alcalde Ramón José Souto González nunha nova edición do Festival de Habaneras e Canto Coral (o primeiro que se celebra trala pandemia).
O certame, organizado pola Concellería de Cultura no marco do ciclo do Día da Patria Galega, comezará o martes ás 20.30 horas na carpa instalada a carón do Concello.
O programa continuará o mércores, 13 de xullo, ás 20:00 h, cun pasacalles a cargo de Trópico de Grelos Afro + Axé Danza pola Avenida do Concello, Avenida de Naturais e Marqués de Figueroa.
Presentarán Bloco Afro, un dos espectáculos de rúa máis soados de Trópico de Grelos. “A súa cadencia crea un ambiente tinguido de rotundidade e ritmos alegres de Salvador de Bahía. Ademais, está acompañado de coreografías, que fan deste desfile musical unha actuación moi animada e, polo tanto, unha auténtica festa. Caracterízase pola súa contundencia e diferénciase do resto dos espectáculos, polos seus fraseos ó unísono e a conversa instrumental entre graves e agudos, que fan esta función especialmente festiva”.
Tamén esta semana, o xoves 14 de xullo, ás 21:00 h, a praza do alcalde Ramón José Souto González acollerá o concerto de Blues do País e Sindicato da Verbena. O grupo está formado por Bieitta James, a grande Diva Rural (Iseo Agilda) e Pepe King, o Bluesmanciño que a acompaña (Brais das Hortas). Xuntos versionan clásicos do Blues, Soul, Rhythm’n’Blues… adaptándoos á idiosincrasia e retranca galegas. “E dá gusto! Si, señora! Blues en galego! Otis Redding no peirao da Coruña, ou Etta James mariscando en Cabo da Crus, B.B. King nun furancho en Redondela ou Eric Clapton lendo a Castelao… Todo iso é posible con Blues do País”.
E por se fose pouco… con banda! A súa banda chámase “Sindicato da Verbena” e está composta por Gustavo Agasi (Festicultores, Sacha na Horta) na batería e rascador, Manuel Antonio (Trioceros, Mercedes Peón) no baixo e Martiño Mato (Magnifique Band dos Homes Sen Medo, Os Tres Trebóns…) no saxo.
Todas as actividades son con entrada libre e de balde.
Organiza: concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña