A alcaldesa de Narón asina un convenio de colaboración coa Asociación Deportiva de Ocio e Tempo Libre «Croio»

A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, asinou este luns,día 11 de xullo,  un convenio de colaboración co presidente da Asociación Deportiva de Ocio e Tempo Libre “Croio”, Iván López.

A finalidade é o desenvolvemento do campamento “Plan Verán 2022”, que facilitará o acceso ós mozos de familias vulnerables da cidade.

A iniciativa desenvolverase este mes, do 17 ó 30, e a colaboración do Concello permite, a través da súa intermediación co CPI do Feal que se leve a cabo nas citadas instalacións. Dende o goberno local realizáronse os trámites oportunos para que Croio obtivese o permiso do Consello Escolar do CPI do Feal e da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade para a realización no centro educativo desta iniciativa. En concreto, tal e como se especifica no acordo, farase uso das instalacións do pavillón, o comedor, o patio cuberto, a zona exterior e os aseos.

O campamento organízase, tras dous anos cancelado pola pandemia da Covid-19, para ofrecer unha actividade de tempo libre convivencial e integradora, na que os menores realizarán unha gran variedade de actividades vencelladas co deporte, o medio ambiente, a vida saudable…

Dende a asociación “Croio” agradeceron a colaboración do Concello para dar continuidade a unha actividade que xurdiu no ano 2019 e que tivo un gran éxito de acollida. Pola súa banda, a alcaldesa da cidade, puxo en valor o traballo que realiza a asociación “Croio”, promovendo varias actividades dirixidas á xuventude e moi ligadas ó medio ambiente, a cultura e o deporte, entre outras áreas.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …