Inscrición aberta para o curso de “Iniciación de bobinador de motores eléctricos, en Narón

As persoas interesadas en inscribirse no curso de “Iniciación bobinador de motores eléctricos” dispoñen ata vindeiro martes, día 21 de xuño, para inscribirse. Así o recordou a edil de Formación, Natalia Hermida, explicando que en total hai dez prazas e que se dirixen a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas en Narón.

Conceptos básicos de electrotecnia, bobinados de corrente continua e alterna, e cambio das características dos bobinados e ensaios forman parte dos contidos que se abordarán. A actividade formativa consta dun total de 200 horas, das que 80 serán teóricas e as 120 restantes de prácticas e impartirase 11 de xullo ó 31 de agosto.

A formación teórica terá lugar no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, de luns a venres e as prácticas nunha empresa de Río do Pozo, en quendas de mañá e tarde. Dende as 9.00 ata as 14.00 horas haberá teoría do 11 ó 22 de xullo; de 9.00 a 13.00 e de 16.00 a 20.00 horas do 26 de xullo ó 4 de agosto haberá teoría e práctica, respectivamente, e entre o 5 e o 31 de agosto completarase o programa con prácticas en empresa de 15.30 a 20.30 horas.

As solicitudes poden presentarse ata o 21 de xuño ás 13.00 horas no Rexistro Xeral do Concello, de luns a venres de 8.30 a 13.00 horas, na Sede Electrónica e polos restantes medios contemplados no artigo 16.4, la Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

As persoas que cumpran os requisitos establecidos para acceder a esta formación serán chamadas para realizar unha entrevista de selección.

Para máis información pódese consultar a sección de Servizos, Formación e Actividades Municipais da web do Concello ou contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, a través do teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109).

Lea también

Inaugúrase en Narón o Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia

O Centro de Interpretación dos Muíños Indutriais de Xuvia (CIMIX) está xa aberto á cidadanía …