O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol cualificou esta mañá o anuncio feito por parte do alcalde da cidade, Ángel Mato, e do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, dun suposto proxecto para recuperar as baterías militares na costa de Ferrol como un «intento de ocultar as responsabilidades do Estado e sen ningún compromiso concreto para actuar sobre estas instalacións.»
O BNG, así mesmo, exixiulle ao alcalde da cidade que «actúe e máis que falar demande do resto de administracións públicas o cumprimento das súas obrigas coa cidade.»
O voceiro municipal, Iván Rivas, solicitoulle ao goberno local «que se dirixa ao Ministerio de Defensa para que cumpra coas súas obrigas de mantemento e conservación das baterías existentes na costa antes de anunciar convenio que nin están en vigor, nin tampouco recollen compromisos concretos.»
O BNG lémbralles que estas instalacións «se atopan en estado de abandono porque o seu propietario, o goberno do Estado nunca fixo nada polo seu mantemento e para o que conta coa anuencia do goberno local que nunca lle exixiu que cumpra coas súas obrigas.«
O portavoz reitera, unha vez máis, ao goberno municipal «que abandone a política de apariencias e actos propagandísticos con respecto ao patrimonio da cidade. Que e se poña a traballar na recuperación definitiva dos bens patrimoniais sobre os que ten competencias directas e esixa o mesmo ás administracións públicas que teñan propiedades na nosa cidade en estado de abandono tal como acontece co Ministerio de Defensa.«
O BNG lembra que en febreiro deste mesmo ano o Ministerio de Defensa respondeu a unha iniciativa do BNG no congreso afirmando que o Concello de Ferrol «en ningún momento lle solicitou que conserve e manteña en bon estado as baterías militares da costa de Ferrol.» «É pouco serio, que unha administración como o Concello de Ferrol ou a Deputación da Coruña comparezan publicamente e afirmen que teñen que investigar quen é o propietario deses bens cando é publico que son propiedade do Ministerio de Defensa e que ao estar desafectados deberían estar a pagar o IBI nos correspondentes concellos cousa que tampouco fan nin se lles reclama.»
Iván Rivas sostén que o goberno local o que debería facer «é dirixirse ao Ministerio de Defensa para esixirlle responsabilidades e obrigalo a manter as súas instalacións en bo estado de conservación. Ademais, o alcalde da cidade, é coñecedor que se quere actuar no observatorio de Monteventoso ten que solicitar igualmente autorización a Defensa, posto que o convenio caducado que se empeña en manter co Ministerio de Defensa, non o autoriza para actuar sobre estes bens sen a autorización de Madrid.«