Esta «finde» Narón acolle a «Feira do motor» e a «Feira do Libro e da Artesanía»

Esta fin de semana, dende este venres, día 17 de xuño ata o domingo 19, desenvolveranse na cidade a “Feira do motor de Narón” e a “Feira do Libro e da Artesanía”. O edil de Feiras, Santiago Galego, recordou que se levarán a cabo no estacionamento de camións de Río do Pozo e no parque de Freixeiro, respectivamente, e con entrada de balde.

A “Feira do Motor de Narón” poderase visitar os tres días entre as 10.00 e as 20.00 horas. Algo máis de douscentos vehículos dos concesionarios Antamotor, AutoGándara, Corgal Automóviles, Grupo Breogán, Grupo Caeiro, Manuel Rey, Priorauto e Tesla permanecerán expostos no recinto, donde tamén haberá outros na modalidade de compra-venda de Ártabra Autos e V.O. Ferrol. Vehículos novos, quilómetro cero, de ocasión, de segunda man, industriais, motocicletas e autocaravanas terán nalgúns casos descontos promocionais.

No evento, que se inaugura este venres, ás 11.00 horas, levaranse a cabo actividades complementarias, como unha sesión con música ambiental do DJ Juanky de 18.00 a 20.00. Así mesmo, este sábado de 12.30 a 13.30 terá lugar o concerto en directo do irlandés Matthew Ward, que iniciou o seu proxecto musical en solitario e forma parte de tres grupos folk. Tamén este sábado e domingo, de 17.00 a 20.00 horas estará operativo o Circuíto de karts do Concello de Narón, atendido polo equipo de Educación Viaria da cidade.

Así mesmo, no parque de Freixeiro comezará este venres a “Feira do Libro e da Artesanía”, aberta ó público venres e sábado de 11.00 a 21.00 horas e o domingo dende as 11.00 ata as 20.30 horas. A Asociación de Libreiros de Ferrolterra e a Asociación Camiño da Artesanía colaboran neste evento organizado polo Concello e no que participarán seis librarías e unha vintena de postos de artesanía.

Ó longo dos tres días, varios escritores asinarán os seus libros nas diferentes casetas, podendo consultar os horarios a través do enlace: http://www.naron.es/web/docs/Feira-do-Libro-e-da-Artesania-Programacion.jpg. Antón Cortizas, Inés Vázquez, Francisco Narla, Antonio Seijas, Fátima Elías, Antía Yáñez, Amara Castro, Juan José Lada… pasarán polo citado espazo, que inaugurará oficialmente a escritora Paula Carballeira ás 12.00 horas.

Nos postos de artesanía instalados no parque de Freixeiro poderanse ver produtos de punto, madeira, xoias, repostería, cosmética, textil, coiro… e a maiores levaranse a cabo os tres días obradoiros abertos á participación da cidadanía en xeral.

O primeiro deles será este venres de 17.00 a 19.00 horas e será sobre amigurumi, para elaborar unha pulseira, e que se repetirá este domingo de 16.00 a 18.00 horas. O sábado serán os de cerámica, de 13.30 a 14.00 para confeccionar unha peza; macramé, de 16.00 a 18.00 para facer unha peza con esta técnica e finalmente o domingo haberá un de miyuki, de 11.00 a 13.00 para facer unha pulseira e outro de 16.00 a 18.00 de amigurumi.

Dende o Concello animouse á veciñanza a acudir a estas convocatorias, con entrada de balde e horarios ininterrompidos.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …