A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o edil de Servizos, Ibán Santalla, desprazáronse ó parque de Freixeiro con motivo da apertura ó público do novo circuíto de calistenia da cidade, o segundo tralo construído no paseo da Gándara.
Ferreiro recordou que se trata dun investimento que ronda os 22.000 euros “con cargo ó que se pon á
disposición dos veciños un espazo no que practicar este método de adestramento físico no que se traballa co peso do corpo”
O novo circuíto dispón de barras paralelas, escaleira horizontal, aneis, corda… e outros equipamentos “que se dirixen a un tipo de usuarios moi específicos e para os que tamén queremos dende o goberno local habilitar eses espazos que precisan para eses adestramentos”
Ferreiro avanzou que xa está reservado un investimento similar para construír o que será o terceiro circuíto de calistenia da cidade, que se ubicará no paseo marítimo de Xuvia, sumándose así a outros equipamentos deportivos localizados na zona como o parque biosaudable, a pista multideporte ou o Circuíto Vita
“No pleno do pasado mes de maio aprobamos unha habilitación de crédito na que se inclúe unha partida específica para o circuíto de calistenia de Xuvia, que será unha realidade moi axiña”, asegurou a alcaldesa.
A rexedora local destacou “o esforzo inversor que nos últimos anos realiza o goberno local para mellorar e incrementar os equipamentos deportivos na cidade, tratando de ofrecer instalacións axeitadas para as diferentes modalidades deportivas nas zonas, como neste caso, donde se prevé unha maior concurrencia de posibles usuarios”