Unha vintena de escolares de sexto curso de Primaria do CPR Santiago Apóstol visitaron este mércores, día 15 de xuño, o Concello de Narón donde se reuniron coa alcaldesa, Marián Ferreiro, no salón de plenos.
A través da iniciativa “Coñecemento do Concello” do Programa de Recursos Educativos de Apoio á Escola, os escolares, acompañados de persoal docente, visitaron a planta baixa do Concello, o Arquivo e o salón de plenos. Nesta ocasión a actividade contou coa colaboración do equipo de Educación Viaria de Narón, xa que os menores se desprazaron dende o centro en bicicleta.
En que consiste o seu traballo, como saíu elixida alcaldesa, quen pode ser alcalde ou alcaldesa, quenes ocuparon antes o cargo, en que ano se construíu o actual edificio do Concello, se ten axudantes… foron algunhas das cuestións sobre as que se interesaron os escolares, moi participativos durante a súa estancia no Consistorio.
Ferreiro interesouse ante os rapaces por coñecer a súa actual visión da cidade e tamén por cuestións que o colectivo consideraba de interese de cara ó futuro.
Os menores visionaron tamén un vídeo sobre a cidade, no que se explica o territorio de Narón, a poboación, a organización municipal e o funcionamento básico da administración local, entre outras cuestións adaptadas á súa idade.
Antes de abandonar o salón de plenos e coller de novo as súas bicis para regresar ó centro os escolares sacaron unha fotografía de grupo coa alcaldesa, que lles entregou uns agasallos institucionais.