A concelleira de Benestar Social, Catalina García, mantivo o luns, día 13 de xuño, unha xuntanza coa delegada da comarca da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps), Maite Martínez, e as familias da cidade que participarán este ano no programa “Vacacións en Paz”.
A edil naronesa avanzou que este ano poderían vir á cidade oito nenos nados no ano 2014, procedentes dos campamentos de refuxiados saharauis de Tinduf (Arxelia) pero que actualmente hai dous menores que aínda carecen de familia de acollida.
“Queremos agradecer a participación das familias da cidade que xa están inscritas no programa para acoller este verán a nenos saharauis e tamén realizar un chamamento para que no caso de que algunha familia poida facelo, dicir que temos dous nenos que polo momento non poden vir por non ter un destino fixo, polo que terían que quedar nos campamentos de refuxiados”, indicou García.
A previsión é que a finais deste mes ou comezos do vindeiro cheguen á cidade, onde quedarán ata o inicio de setembro. Durante eses meses realizaránselles revisións médicas e poderán afastarse das temperaturas extremas que se alcanzan no deserto de Alxeria durante a tempada estival.
García recordou que as persoas que desexen recibir máis información ó respecto poden escribir un correo electrónico á dirección: concellerias@naron.es, debendo indicar o nome e apelidos e un teléfono de contacto.