O Concello de Narón, impulsa esta semana unha nova actividade nas Escolas Infantís Municipais enmarcada no proxecto Apego, de socialización de nenos en galego.
A edil de Ensino, Mercedes Taibo, explicou que se trata dunha visita de Cé Orquestra Pantasma ós citados centros, ós que levan o espectáculo musical “A voar”, baseado no disco-libro do mesmo nome.
Os nenos coñecerán a viaxe da pequena Xoana ó enérxico ritmo de Cé Orquestra Pantasma. A xoaniña, movida pola curiosidade e o desexo de voar emprenderá unha longa viaxe que a súa vida mudará. “Con este espectáculo preténdese axudar ós menores a reivindicar a confianza precisa para satisfacer as súas necesidades de liberdade, movemento e xogo libre”, tal e como indicou Taibo.
A actividade levouse a cabo onte luns na Escola Infantil Municipal da Solaina, este martes, día 14 de xuño na da Gándara e este mércores, día 15, será o turno da de Piñeiros, nos tres casos ás 10.00 horas.