O concelleiro de Mocidade do Concello de Narón, Pablo Mauriz, informou da apertura do prazo de inscrición, este venres, día 10 de xuño, no proxecto “Summer Camp Narón 2022”, dirixido a menores nados entre 2005 e 2009 empadroados en Narón.
“En total ofértanse vinte prazas, de balde, para que as rapazas e rapaces poidan participar en diferentes actividades vencelladas á cultura urbana e ó deporte alternativo”, indicou o edil.
A iniciativa levarase a cabo do 11 ao 16 de xullo, incluídos, na Casa da Mocidade da Gándara, aínda que contempla tamén propostas que se realizarán noutros concellos da comarca, como Neda ou Valdoviño, e mesmo na provincia lucense, en Viveiro. O horario das actividades será de 10.00 a 14.00 horas agás o 15 de xullo, xornada na que se programa unha saída a Viveiro que terá lugar de 10.00 a 17.00 horas.
Obradoiros de surf, de DJ, de danza urbana, de tunaxe de roupa, unha ruta polo río Belelle, en Neda, un vídeo fórum e unha visita ó parque de aventuras Roq Park en Viveiro forman o programa deseñado dende o Concello para eses seis días do mes de xullo, tal e como avanzou Mauriz. “Trátase dunha proposta diferente a través da que queremos que as mozas e mozos de Narón realicen actividades relacionadas con diferentes áreas, o deporte, a música, o medio ambiente, a cultura… co fin de ofrecer un tempo de lecer no que tamén poidan aprender”, subliñou.
As solicitudes poderán presentarse ata o 4 de xullo ás 13.00 horas a través da Sede Electrónica de Narón, o Rexistro municipal ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, utilizando o formulario dispoñible na Sede Electrónica de Narón.
As persoas interesadas en recibir máis información poden dirixirse ó Servizo Sociocomunitario Municipal, no primeiro andar do Concello, ou chamar ó número de teléfono 981 337 700 (extensións 1108, 1109 e 1111).