Xornada sobre «Elaboración de fitosanitarios ecolóxicos» organizada por Promoción Económica de Narón

O Concello de Narón organiza a través da área de Promoción Económica, dirixida polo edil David Pita, unha xornada sobre “Elaboración de fitosanitarios ecolóxicos”, que terá lugar este mesmo venres, día 10, nas inmediacións do local social do Val.

O edil naronés presentou o evento xunto con Clara Domínguez, secretaria da Asociación Terra Rendible, e Luisa María Granja, técnica da citada entidade, colaboradora xunto coa AVV “Os Irmandiños” do Val deste evento.

Pita avanzou que unha técnica da asociación Terra Rendible, Luisa María Granja, será a encargada de informar ás persoas que acudan á convocatoria sobre diferentes métodos de control alternativo ós químicos en pragas e enfermidades da horta e do xardín. Pragas e enfermidades dos cultivos e os seus danos, métodos de control sen químicos de pragas e enfermidades e métodos de elaboración de fitosanitarios ecolóxicos son algúns dos temas que se abordarán nesta xornada.

Así mesmo, os asistentes terán a oportunidade de coñecer como se preparan algúns destes fitosanitarios con ortigas, decocción de allo, maceración de casca de laranxa, infusión de hortelá, funxicida e insecticida polivalente… entre outros.

A técnica que impartirá a xornada avanzou que a primeira hora se adicará ós contidos teóricos e as dúas seguintes ás prácticas. “Hai moitos métodos alternativos para o control de pragas e enfermidades e tamén para axudar a que a horta e o xardín se autoregulen con técnicas máis respectuosas e beneficiosas co medio ambiente e coa saúde”.

A asociación Terra Rendible, sen ánimo de lucro, ten as súas instalacións no Centro Cívico Social do Val e organiza a convocatoria no marco do convenio anual que mantén co Consistorio. Tanto dende a entidade como da asociación agradeceron a colaboración da entidade veciñal do Val e animaron á cidadanía a apuntarse neste evento.

As persoas interesadas poden facelo a través da páxina: https://bit.ly/fitosanitarios-eco. En total ofértanse vinte e cinco prazas que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …