A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Obras, Pablo Mauriz, visitaron este xoves, día 2 de xuño, as obras do proxecto que permitirá acondicionar o local social do Alto do Castiñeiro, ubicado nos baixos dos números 37-39 da rúa do Rosal.
O citado proxecto, para o que se reservou unha partida orzamentaria de 233.489 euros, encara xa o tramo final, e permitirá dotar dun espazo propio á entidade veciñal do barrio, tal e como recordou Ferreiro.
A obra acométese sobre dous baixos, con entrada pola rúa do Rosal, donde quedará unha fachada ampla e luminosa, e ten unha forma rectangular, trala unión dos dous habitáculos. O acondicionamento integral dos dous espazos permitirá unha renovación ó completo tanto das instalacións como da fachada, habilitando unha superficie útil final de 277 metros cadrados.
A rexedora local explicou que no local social se habilitarán unha sala disciplinar, 105 metros cadrados, unha sala 36 metros cadrados, e outras estancias como un almacén xeral, unha oficina, un ambigú, un office, unha despensa, un cuarto de limpeza e tres aseos, homes, mulleres e persoas discapacitadas.
“As obras iniciáronse o pasado mes de febreiro e avanzan a bo ritmo, polo que este mesmo verán as veciñas e veciños poderán facer uso destas instalacións, un compromiso que tiñamos adquirido e que en breve será unha realidade”, asegurou a alcaldesa.
Na actualidade operarios da empresa adxudicataria están traballando no acondicionamento da fachada principal e noutras tarefas como o alicatado de baños e a instalación de servizos nas diferentes estancias.
Ferreiro recordou que ó investimento que actualmente se executa para acondicionar o local, súmanse outros 100.000 euros que se destinaron dende as arcas locais para a adquisición dos dous baixos que agora se integrarán nun único e amplo espazo para uso e disfrute da veciñanza.