Alumnado do CEIP A Solaina asistiu á última xornada do programa didáctico “EsPazo Vivo”, en Narón

O Pazo da Cultura de Narón acolleu na mañá deste luns a última das cinco visitas programadas no marco de “EsPazo Vivo”, organizadas a través do programa de Recursos Educativos de Apoio á Escola e promovido en colaboración co Servizo Sociocomunitario Municipal. Esta mañá foi o turno de alumnado de quinto curso de Primaria do CEIP A Solaina, que estivo nas instalacións dende as 10.00 ata as 13.00 horas.

A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, destacou a importancia desta iniciativa, “a través da que os escolares e outros colectivos teñen a oportunidade de coñecer o funcionamento das Escolas Culturais do Padroado, cunha parte un pouco máis informativa e outra de carácter práctico, adaptadas en todo momento ás idades dos visitantes”. Visita ás aulas e ao Café Teatro, pequenas clases de instrumentos, baile, teatro… e o funcionamento dos equipos de iluminación do Pazo son algunhas das propostas de “EsPazo Vivo”, no que os estudantes tamén cubren un caderno con cuestións relacionadas con estas instalacións para ao final descubrir unha clave.

Dende o pasado mes de abril participaron en “EsPazo Vivo” alumnas e alumnos de segundo da ESO do CPR Jorge Juan; alumnado do curso do Programa de Inclusión social de Mulleres; e escolares de primeiro e de segundo de Primaria do CPR Jorge Juan, tal e como recordou Ferreiro.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …