Escolares do CEIP A Solaina visitaran o Concello de Narón

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, reuniuse este martes, día 24 de maio, no salón de plenos cunha vintena de alumnos de sexto de Infantil do CEIP A Solaina.

Os escolares interesáronse por coñecer máis polo miúdo a vida profesional e persoal de Ferreiro, preguntándolle diversas cuestións, como se lle gustaba o seu traballo, como o compaxina coa súa vida persoal, como se iniciou na vida política, cal foi a decisión máis complicada… e moitas outras cuestións que a alcaldesa respostou ós menores, acompañados por dúas docentes do centro.

Na súa visita, enmarcada no Programa de Recursos Educativos de Apoio á Escola, que inclúe un apartado de “Coñecemento do Concello”, visionaron o vídeo “Nara de Narón”, protagonizado pola abella “Nara” e no que coñecen parte da historia da cidade e dos seus edificios máis emblemáticos e puntos de interese nas diferentes parroquias.

Os escolares fotografiáronse coa alcaldesa antes de marchar de novo ás aulas e tamén no photocall “Nara de Narón”. A abella Nara e un explorador acompáñanos durante a súa estancia no Concello nesta iniciativa que por primeiro ano se realiza de xeito teatralizado.

Así mesmo, a rexedora local entregoulles como agasallo institucional unhas gorras e exemplares do libro “Narón pinta ben” con oito láminas da cidade para que poidan colorear.

As visitas continuarán o vindeiro día 31 deste mes con outro grupo de escolares do CEIP A Solaina.

Lea también

La AVV de Piñeiros Narón convoca una reunión para tratar la mejora de la seguridad vial de la carretera do Feal

  José Francisco Pita presidente de la Asociación Vecinal de Piñeiros expone a través de …