Inauguración do «3º Congreso Galego de Seguridade e Educación Viaria de Narón»

A alcaldesa, Marián Ferreiro, inaugurou este xoves, día 19 de maio, no Pazo da Cultura o “3º Congreso Galego de Seguridade e Educación Viaria de Narón”, organizado polo Concello, en colaboración coa Red de Ciudades que Caminan.

A coordinadora técnica da Rede de Cidades que Camiñan, Ana Montalbán, foi a persoa encargada de presentar o evento e de dar paso ás diferentes mesas e ponencias que se suceden ó longo da mañá e que continuarán pola tarde e ona mañá deste venres 20. Preto dun centenar de persoas acudiron a esta cita que, como destacou Ferreiro, “por primeiro ano conta coa homologación da Xunta de Galicia como actividade de formación permanente do profesorado, o que constitúe un logro máis e un orgullo para este concello”.

A rexedora local incidiu en que “temos un fondo compromiso coa transformación de Narón cara a unha cidade máis humana, sostible e accesible; unha cidade na que as persoas sexan o elemento prioritario da mobilidade e a súa máxima seguridade constitúe o obxectivo central das nosas intervencións”.

Unha finalidade que coincide co lema deste congreso: “As persoas primeiro”. Ferreiro recordou os programas que se desenvolven na cidade, como o “Bica e Arrinca”, “Camiños Escolares Seguros”, actuacións en materia de humanización de barrios, a construción da senda peonil e ciclista entre Freixeiro e Xuvia… e subliñou que para perfilar o futuro de Narón “temos claro que queremos unha cidade segura, na que a mobilidade alternativa sexa real e non quede plasmada en proxectos que nunca ven a luz”.

Finalmente, a alcaldesa amosou a súa confianza en que o intercambio de coñecementos, experiencias e reflexións “nos sirvan de mutuo enriquecemento”, para agradecer a implicación de todos os integrantes da organización e administracións colaboradoras, como a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, e empresas, así como a Red de Ciudades que Camiñan, co seu presidente á fronte, Miguel Anxo Fernández Lores. Ferreiro agradeceu tamén a participación dos poñentes, moderadores e público que estes dous días participan no Congreso.

A conferencia inaugural correu a cargo de José Francisco Cid, xeógrafo especializado en xestión do territorio e sistemas de transporte. Cid abordou a relevancia de poñer a innovación tecnolóxica ao servizo da seguridade viaria e a importancia de traballar con obxectivos e xerar proxectos que sexan transformadores para poder avanzar. Así mesmo, presentou algúns proxectos de transformación de entornos escolares en cidades de España e en países europeos e recomendou que os concellos dispoñan de plans propios de seguridade viaria.

Tralo turno de preguntas e unha pausa dará comezo a primeira mesa, sobre “Un novo modelo de espazo público”, facilitada pola arquitecta Isabela Velázquez e na que interviñeron Miguel Anxo Fernández Lores; Antoni Poveda, presidente da Rede de Cidades pola Bicicleta; Anxo Queiruga, vicepresidente do CERMI; Jaime Armengol, coordinador do proxecto Mobility Citi e Jeanne Picard, delegada en Galicia de Stop Accidentes.

A programación retomarase ás 16.00 horas, cunha mesa sobre “Mobilidades alternativas e seguridade viaria” que terá como facilitadora a María José Aparicio, subdirectora Xeral de Formación e Educación Viaria da DXT e moderada polo Secretario Xeral do Concello de Narón, Alfonso de Prado.

Neste coloquio participarán José Ignacio Lijarcio, investigador e coordinador do grupo de investigación FACTHUM-lab, do Instituto de Tráfico da Universidade de Valencia e Director de proxectos da Fundación Española para a Seguridade Vial (Fesvial); Concepción Blocona, técnica de rehabilitación da ONCE e Enrique Lorca, presidente da Confederación Nacional de Autoescolas.

A última mesa de hoxe dará comezo ás 18.30 horas, sobre “Novas metodoloxías de educación para a boa mobilidade”, facilitada polo consultor experto en mobilidade e infancia, José Francisco Cid, e en cuxo coloquio participarán Raquel Navas, asesora pedagóxica da DXT; Juan Antonio Gutiérrez, delegado de Aesleme en Galicia; José Emilio Pérez, integrante de ConBici e de Teachers for Future Spain e Aurora Romar, profesora do IES As Telleiras.

Na xornada de mañá retomarase o programa ás 10.00 horas, cunha mesa sobre “Cooperación internacional” moderada por María Pérez Rico, xestora de proxectos europeos e que terá como relatores a Jesús Moclus, director de área de Preveción e Seguridade Viaria da Fundación Mapfre; Emrah Kocak, profesional nesta área en Turquía e Raquel Barrios, directora de proxectos “Youth for road safety”.

A conferencia de peche, ás 12.30 horas impartiráa Marta Román, xeógrafa, membro de GEA 21 e experta en mobilidade e infancia. A clausura do evento, ás 13.30 horas inclúe as conclusións do congreso, a cargo de Ana Montalbán, e a alcaldesa, Marián Ferreiro, será a encargada de pechar esta edición do evento.

Lea también

Narón súmase ao chamamento da Mancomunidade para un consumo responsable de auga

Os concellos da comarca manteñen dende xullo medidas de aforro, que continúan vixentes ante a …