Ínstase incluír a Narón no protocolo de Transición Xusta de As Pontes

A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o presidente da Asociación de Empresarios Ferrolterra (AEF), Ángel José Torreiro, asinaron esta mañá tres cartas dirixidas ó Goberno central, a Xunta de Galicia e a Federación Española de Municipios e Provincias instando ás administracións a que inclúan a Narón no protocolo de Transición Xusta de As Pontes. No acto da sinatura estivo tamén presente o edil de Promoción Económica de Narón, David Pita.

A rexedora local recordou que o pasado mes de novembro o Concello aprobou no pleno unha moción na que se se solicitaba a inclusión de Narón no ámbito xeográfico do convenio de Transición xusta de As Pontes, que lamentablemente, indicou, non foi atendida. “Para sorpresa do Concello e do propio tecido empresarial desta cidade, tanto o Goberno central como a Xunta continúan desoíndo a nosa petición, que non é outra que que se inclúa a Narón no Plan de acción urxente para comarcas do carbón e centrais en peche 2019-2021, como municipio afectado polo peche da térmica pontesa”, recalcou.

No escrito alúdese á traxectoria empresarial de Narón e ás graves consecuencias que suporá quedar fóra do citado plan. Ante a actual situación, dende o Concello e a AEF advirten sobre “o impacto dos peches sobre as empresas asentadas na cidade, que será considerablemente superior ó doutros concellos que forman parte dese plan de actuación urxente, atendendo a que Narón é actualmente o motor industrial da comarca e nesta localidade teñen as súas instalacións varias empresas que traballan como subcontratas ou subministradoras de materiais e/ou servizos para a térmica pontesa”.

O peche da central, tal e como denunciaron Ferreiro e Torreiro, “suporá previsiblemente o despido de persoal das compañías asentadas en Narón ante a falta de carga de traballo procedente das citadas instalacións”.

A alcaldesa e o presidente de AEF incidiron na “situación de desamparo na que se atopa actualmente o concello de Narón e o sector empresarial asentado na cidade, ó non poder optar ás liñas de axudas que se establecerán para paliar os graves efectos do peche da térmica”.

Dende o Concello e a Asociación de Empresarios Ferrolterra insisten en que “non pedimos máis que un trato igualitario, que atenda á situación do noso concello e do tecido empresarial da cidade, para poder ter as mesmas alternativas de futuro que o resto de localidades afectadas polo peche da central e poder acceder ás axudas que se establezan para impulsar novos proxectos na zona”.

Lea también

BNG de Narón reclama reunión da Comisión especial de seguimento da praga das moscas no Val

O BNG de Narón reclama ao goberno municipal a convocatoria dunha reunión da Comisión especial …