Instalación de Puntos Limpos de proximidade en Narón

Os traballos para instalar os Puntos Limpos de proximidade deron comezo na parroquia de Xuvia. Hai uns días un equipo de operarios afanábase en retirar os colectores soterrados para poder instalar as novas estruturas, que chegarán á cidade nas vindeiras semanas.  A alcaldesa, Marián Ferreiro, recordou que se instalarán, ademais de en Xuvia, nas zonas do Alto, A Gándara, A Solaina e Piñeiros.

“A instalación destes Puntos limpos de proximidade é unha das melloras recollidas no novo contrato de recollida de Residuos Sólidos Urbáns e Limpeza Viaria de Narón”, recordou Ferreiro. A rexedora local explicou que neses puntos limpos se poderá depositar roupa e calzado usados, pilas e baterías usadas, pequenos electrodomésticos, fluorescentes, bombillas, tóner de impresora, tapóns de plástico, CDs e DVDs…

Trátase de facilitar á cidadanía a reciclaxe deste tipo de artículos, co fin de que poidan ser tratados debidamente e reciclados”, asegurou, destacando ao mesmo tempo o “compromiso do Concello de Narón co coidado e o respecto ó medio ambiente, para o que son fundamentais a día de hoxe este tipo de servizos”

A través destes novos colectores, cun deseño de mobiliario urbano adaptado á ubicación na que se atopan, “apostamos tamén por implicar ás veciñas e veciños na reciclaxe e facelo ó mesmo tempo ofrecéndolles maior comodidade e accesibilidade, con desprazamentos menores nesas zonas para poder depositar este tipo de residuos en espazos axeitados para o seu tratamento”.

En definitiva, apuntou, trátase de achegar os puntos limpos á cidadanía naqueles casos nos que sexa máis viable a instalación destas novas estruturas e de minimizar o volume de lixo xenerado, incrementando ó tempo as taxas de reciclaxe no termo municipal.

“A iniciativa enmárcase na liña das melloras contempladas no novo contrato de recollida de Residuos Sólidos Urbáns e Limpeza Viaria, que se complementa coa inclusión dunha barredoira eléctrica, triciclos eléctricos para maior operatividade na limpeza dos paseos marítimos, incremento do número de tractores de limpeza na zona rural, implantación da carga lateral na recollida do lixo… e outras encamiñadas a acadar un servizo máis eficaz e a ter cada día unha cidade máis limpa e máis respectuosa co medio ambiente”, subliñou Ferreiro

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …