A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, presenciaron este luns, día 25 de abril, no Pazo as actuacións de alumnado de Infantil e Primaria dos colexios da Solaina, Piñeiros, O Feal e da ESO deste último centro e do IES Terra de Trasancos correspondentes ó “XXXI Certame Intercentros-Concello de Narón”
En total, 477 alumnas e alumnos, acompañados de profesorado, acudiron á convocatoria, que deu comezo ás 10.00 horas e que presentou, ó igual que na xornada do pasado venres, cando acudiron 405 escolares, alumnado da Escola de Formación de Actrices e Actores de Narón.
Nesta ocasión os escolares cantaron varias cancións e nun caso interpretaron un conto dramatizado, afondando nas temáticas medioambientais, na figura de Rosalía de Castro, na historia, na lingua galega e en cancións populares, entre outras
A alcaldesa destacou a calidade dos traballos e o inxenio das alumnas e alumnos nas súas interpretacións, e agradeceu “a implicación nas aulas por parte dos escolares e do profesorado para manter viva esta convocatoria”, ó tempo que felicitou ó CEIP da Solaina como centro organizador e ós alumnos da Escola de Teatro que presentaron o evento e deron paso ás actuacións, entre as que estivo a do Coro Solidarium do IES Terra de Trasancos.
Ademais da modalidade de expresión oral neste certame figuraban outras como as de canción, representación teatral, conto, recitado dun poema e conto dramatizado. A xornada final desta convocatoria, organizada cada ano para ensalzar a celebración do Día das Letras Galegas, terá lugar o día 10 de maio, co acto central do Intercentros, que consistirá na entrega de premios ó alumnado participante no Pazo da Cultura.
Así mesmo, dende o Concello recordouse que ata o 11 de maio poden verse no Pazo da Cultura os traballos de murais, contos ilustrados e cómics realizados polos escolares que se presentaron a esta edición do certame.