O Concello de Narón asina diversos convenios de colaboración

A alcaldesa da cidade de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, asinou este venres, día 22 de abril, tres convenios de colaboración cos representantes da Sociedade Cultural e Recreativa A Pombiña, de Pedroso; a Sociedade Cultural Areosa, de Piñeiros e a Asociación Memoria Histórica Democrática.

A través do Concello de Narón e do Padroado da Cultura, entidade a través da que se rubrica o último dos acordos, realizarase unha aportación económica que en conxunto ascende a 11.500 euros, tal e como indicou Ferreiro.

O Consistorio colabora coa S.C.R. A Pombiña para a cesión das instalacións da entidade no ámbito da promoción cultural e o desenvolvemento de actividades vencelladas a esta área e ó tempo de lecer. Deste xeito, ó igual que se fai nos últimos anos, nas instalacións de A Pombiña, en Pedroso, seguiranse executando programas e actividades impulsadas dende o Concello e destinadas á totalidade de veciños desta parroquia.

O convenio asinado coa Sociedade Cultural Areosa permitirá continuar promovendo o desenvolvemento social e cultural das persoas da cidade a través de diversas actuacións no citado ámbito. Así mesmo, dende Areosa cooperarase coa programación municipal, impulsando propostas teatrais, de música coral, o tradicional certame de habaneras, actos con motivo do Día das Letras Galegas…

A través do convenio entre o Padroado da Cultura e a Asociación Memoria Histórica Democrática renovarase a vía de colaboración, destacando o interese social do labor investigador da entidade. Entre as mesmas, contémplase a edición e recompilación de documentos depositados en arquivos e a potenciación de estudos relacionados con contidos sociais, históricos e culturais.

A alcaldesa destacou o traballo que as tres asociacións realizan dende hai anos na cidade, tanto no ámbito da promoción de actividades encamiñadas a preservar e difundir a nosa cultura e patrimonio como de cara a manter viva parte da nosa historia. Ferreiro destacou a implicación das tres entidades na vida cultural municipal e animounas a continuar traballando como o veñen facendo nos últimos anos.

Lea también

Club Arco Narón compite en el Campeonato Galego de Equipos indoor

Este pasado sábado se celebró en Arteixo el Campeonato Galego de Equipos indoor. El Club …