“XXXI Certame Intercentros-Concello de Narón”

Escolares de Infantil e Primaria dos colexios da Solaina, Ponte de Xuvia, A Gándara e Virxe do Mar subíronse este venres. día 22 de abril, ó escenario do Pazo da Cultura para dar a coñecer as cancións, poesías e representacións teatrais que presentaron ó “XXXI Certame Intercentros-Concello de Narón”.

A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, presenciou todas as actuacións xunto cos 405 escolares e o profesorado que acudiu a esta convocatoria, presentada por dous alumnos da Escola de Formación de Actrices e Actores de Narón.

O ecoloxismo, a reciclaxe, as regueifas, a lingua galega, Rosalía de Castro… foron parte das temáticas abordadas polos rapaces nas súas actuacións, ataviados nalgúns casos da indumentaria que complementaba as divertidas interpretacións.

“Quero destacar o gran traballo que fixo o alumnado e tamén o profesorado dos centros participantes, xa que son os que manteñen viva ano tras ano esta celebración coa que queremos conmemorar o Día das Letras Galegas e poñer en valor a nosa cultura e a nosa lingua”, asegurou Taibo.

A edil naronesa destacou tamén “a excelente coordinación que se leva a cabo este ano dende o CEIP da Solaina” e “a colaboración do alumnado da Escola de Formación de Actrices e Actores de Narón na presentación deste evento e dando paso ás representacións que se sucederon ó longo da mañá”. A xornada rematou coa actuación de Pakolas, que animou ós escolares co espectáculo “Rockeando con Ramona Órbita”

A concelleira de Ensino recordou que o vindeiro luns, día 25 de abril, desprazaranse tamén ó Pazo alumnos de Infantil, Primaria e da ESO dos centros da Solaina, Piñeiros, O Feal e do IES Terra de Trasancos para dar a coñecer os traballos que presentaron a este certame, donde ademais de expresión oral figuraban as modalidades de canción, representación teatral, conto, recitado dun poema e conto dramatizado. O día 10 de maio terá lugar o acto central do Intercentros, coa entrega de premios no Pazo da Cultura.

A convocatoria inclúe ademais unha mostra que se pode ver ata o 11 de maio no Pazo sobre os traballos de murais, contos ilustrados e cómics realizados polos escolares.

Lea también

La academia de Baile All Dance Studio actúa este sábado 31 en Narón

El Centro Comercial Odeón acoge este sábado por la tarde la exhibición de la escuela …