O Concello de Narón retoma os Consellos Territoriais de Participación Cidadá

A concelleira de Participación Cidadá, Catalina García, presentou este martes, día 12 de abril, nova convocatoria dos Consellos Territoriais de Narón, un dos órganos de representación que establece o Regulamento de Participación Cidadá de Narón.

García recordou que se trata “de espazos de encontro entre a veciñanza de cada barrio ou parroquia con representantes municipais para promover o intercambio de necesidades e ideas de cada territorio e afondar na cohesión comunitaria”. As catorce sesións programadas desenvolveranse a partir da vindeira semana, durante os meses de abril, maio e xuño nos locais sociais da zona urbana e rural da cidade, tal e como apuntou a edil.

Estes encontros están abertos á participación de todas as entidades asociativas do municipio. Están presididos pola concelleira de Participación Cidadá, Catalina García, e a eles están convocados os e as representantes municipais doutras áreas do goberno e dos diferentes grupos políticos con representación. Están moderados por persoal técnico da Escola de Participación.

Desenvolveranse entre o vindeiro martes día 19 e o 7 de xuño, cunha duración aproximada de unha hora e media. Cada encontro ten xa un horario e emprazamento designado, sendo o primeiro o do día 19 ás 16.00 horas no local social do Val. A este seguiranlle este mes os de Freixeiro, o día 21 ás 19.00 horas no local social Virxe de Fátima (Freixeiro), o 26 ás 18.00 horas no local social do Couto e o 27, tamén ás 18.00 horas, no local da Sociedade Cultural e Recreativa A Pombiña (Pedroso).

No mes de maio convocáronse os de Piñeiros, o día 3 ás 19.00; Doso, o 5 ás 18.00; o de Xuvia, o 10 ás 18.00; o de Sedes, o 12 ás 18.00 horas, nos seus respectivos locais sociais e tamén os de San Mateo, o 19 ás 18.00 horas na Escola de San Mateo, o de San Xiao, o 24, o do Alto o 25 e o da Gándara o 31, estes tres ás 18.00 horas e nos respectivos locais sociais.

Finalmente, en xuño programáronse os dous restantes, o día 2 en Santa Icía, A Solaina, ás 18.00 horas no local social de Virxe do Mar e o 7 en Castro, ás 19.30 horas, no local social “O Paraxe”. As datas e horarios poden consultarse a través da web do Concello de Narón e das redes da Escola de Participación.

Nesta rolda de Consellos darase prioridade ó obxectivo de mellorar o coñecemento do tecido asociativo, explorando que actividades están levando a cabo, e cales son os seus principais retos e necesidades, fomentando a colaboración e o traballo en rede, segundo avanzou García.

Dende o goberno local ofrecerase información ás entidades sobre o traballo que se está desenvolvendo e proxectado na cidade. Para garantir o control de aforo en cada caso é necesaria confirmación de asistencia previa, que pode facerse enviando un correo electrónico á dirección: escolaparticipacion@naron.es ou no teléfono 603 865 413.

As actas da anterior rolda de Consellos, así como a do Consello Xeral, están dispoñibles na plataforma www.naronparticipa.es. Nelas pódense consultar os temas trasladados ós responsables políticos nas anteriores edicións.

Lea también

Narón abre inscrición nunha andaina con motivo da Romaría da Virxe da “O”

O Concello de Narón organiza a través do Padroado de Deportes e da Concellería de …