«A CIG vai presentar todos os recursos legais que sexan precisos para impedir que o compañeiro e ex secretario comarcal da CIG-Ferrol, Xesús Anxo López Pintos, condenado por un delito de atentado á autoridade no marco dunha mobilización no ano 2012, teña que ingresar en prisión«. Así o anunciaron en rolda de prensa na mañá deste venres o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Anxo Grandal, quen informaron que estas accións se acordaron tras coñecerse a sentenza do Tribunal Superior que resolve o recurso presentado por Pintos contra a resolución condenatoria da Audiencia Provincial da Coruña.
Ademais, a central nacionalista iniciará unha campaña para pedir o seu indulto e promoverá unha convocatoria unitaria dunha gran manifestación en Ferrol no mes de xuño, na que chama a participar a toda a cidadanía porque o obxectivo de todo este proceso “non é condenar a Pintos como persoa individual, senón perseguir e criminalizar a mobilización como ferramenta para mellorar as condicións laborais e de vida da clase traballadora”.
Carril quixo trasladar a Pintos todo o apoio e a solidariedade do sindicato, avanzando que “como CIG, levaremos adiante todas as accións que sexan precisas e chegaremos as instancias que sexa necesario para demandar xustiza para o compañeiro, evitar que teña que entrar no cárcere e que se consume este ataque á liberdade sindical”.
A este respecto, Manel Grandal lembrou que a situación de Pintos vese agravada porque ten pendente de execución outra condena de nove meses por defender as mariscadoras de Mugardos, polo que, con esta nova sentenza condenatoria, podería entrar na cadea.
Recurso ao TC e indulto
A primeira destas accións será precisamente presentar alegacións pedindo a suspensión da execución da condena e, a partir de aí, recorrerase medidas como o recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional. De desestimar o TC a solicitude, “non dubidaremos en acudir ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos en Estrasburgo e, de ser preciso, ao Comité Internacional de Dereitos Humanos da ONU”, explicouse.
De xeito paralelo, a CIG iniciará unha campaña para solicitar ao Goberno español o indulto de Pintos, á que chaman a toda sociedade e organizacións sociais a que se sumen “porque ante a represión, a unidade debe ser total e sen fisuras, como foi a mobilización no Hotel Almirante en outubro de 2012”. O obxectivo é acadar a amnistía do compañeiro “como símbolo de auténtica xustiza social ante as decisións inxustas dos tribunais, defensa das liberdades e posta en valor dunha vida de entrega militante na loitapolos dereitos da clase obreira por parte de Pintos”.