Unha vintena de escolares de sexto de educación Infantil do CPR Santiago Apóstol de Narón visitaron este martes, día 5 de abril, o Concello. A iniciativa enmárcase no Programa de Recursos Educativos de Apoio á Escola, que inclúe un apartado de “Coñecemento do Concello”.
A alcaldesa, Marián Ferreiro, reuniuse cos nenos no salón de plenos, donde visionaron o vídeo “Nara de Narón” e a continuación formularon á rexedora local varias preguntas. En que consistía o seu traballo, cal é a súa parroquia favorita de Narón, o seu lugar favorito… foron algunhas das preguntas que respostou Ferreiro ós menores, que conversaron animadamente con ela.
Tras rematar, os escolares recibiron unha gorra da “abella Nara” e tamén un exemplar cada un do libro “Narón pinta ben”, con varios espazos da cidade para colorear. Para recordar esta data, sacaron unha fotografía coa alcaldesa da cidade e posteriormente outra, por grupos, no photocall “Ti es a abella Nara”
Por primeiro ano, as visitas que se realizan ó Concello son dramatizadas, coa compaña dun explorador e da propia Nara, unha abella de Narón. Eles son os encargados de recibir aos escolares á súa chegada, explicarlles por riba o funcionamento do Consistorio e tamén ensinarlles a traballar cun crebacabezas da cidade.
As visitas escolares continuarán este mes, concretamente o día 26, cando a rexedora local recibirá a un grupo de alumnas e alumnos de sexto de Infantil do CEIP Ponte de Xuvia. No mes de maio será o turno de escolares do CEIP Virxe do Mar, o día 3, e do CEIP A Solaina, os días 24 e 31.