O Concello de Narón acolleu este mércores, día 30 de marzo, ás 13.00 horas, a reunión do Consello de Administración da empresa Cosma.
A alcaldesa e presidenta da compañía, Marián Ferreiro, presidiu a convocatoria, na que participaron, entre outros, o Director de Delegación de Aqualia, Francisco Javier García Linares, o xerente de Cosma, José Manuel Marcote, o concelleiro de Servizos, Ibán Santalla, os portavoces do PSOE, David Pita; PP, Germán Castrillón, e BNG, Olaia Ledo, e o Secretario xeral do Concello, Alfonso de Prado.
Trala reunión a alcaldesa anunciou a licitación, este mesmo ano, da ampliación da rede de saneamento na parroquia de Sedes (Salgueiral), un investimento de preto de 530.000 euros. Ferreiro indicou que a obra de ampliación da rede de saneamento proxectada en Sedes permitirá recoller os verquidos das viviendas ubicadas nos núcleos poboacionais de Salgueiral, Sabín e Barreiros e tamén conectar esta ampliación coa rede de saneamento que xa está operativa na estrada provincial DP-5404 (estrada do Trece).
Os traballos inclúen a instalación de tres estacións de bombeo e 2.480 metros de colectores de saneamento. “En conxunto poderanse recoller os verquidos dunhas 75 vivendas localizadas nos tres lugares indicados, Salgueiral, Sabín e Barreiros”.
“Os traballos proxectados en Sedes súmanse a outros do plan de investimentos en execución do ano pasado, no que se inclúen a renovación da rede de saneamento na estrada do Trece, donde se retirou a canalización de fibrocemento existente na zona de Malde Vizoso e Pena Parda e se instalou un grupo de presión para o abastecemento do núcleo de Ferrerías”, explicou a alcaldesa.
Así mesmo, indicou, “ampliouse a rede de saneamento na zona de Outeiro, na parroquia do Val, para dar servizo a un centenar de vivendas, e tamén se instalou o sistema de telelectura de contadores, renovando preto de 2.000 nas zonas con maior número de contadores interiores e de difícil acceso para os lectores de Cosma e coa previsión de dispor a finais deste ano dun 13% do parque de contadores da cidade con este sistema de telelectura”.
A alcaldesa destacou que “entre o ano pasado e este ano, dende Cosma realizarase un investimento de algo máis de 1,4 millóns de euros, unha contía coa que seguimos ampliando a rede de saneamento na zona rural da cidade e reforzamos a rede de abastecemento tamén no rural, dous servizos moi necesarios e para os que continuaremos destinando importantes investimentos nos vindeiros meses”.
No transcurso da convocatoria de hoxe presentouse tamén o informe da Xerencia de Cosma e as contas anuais da compañía, cun padrón de 20.125 clientes con abastecemento e/ou saneamento.