A Escola de Teatro de Narón cumple este curso corenta anos. Un aniversario que celebrará o peche dos actos programados coa representación da obra “Noite de Reis”, de William Shakespeare, dirixida por Celia González a partir da adaptación de Quico Cadaval.
As persoas que o desexen poderán asistir, de balde, á representación, que terá lugar este venres, día 1 de abrilm ás 20.30 horas, tal e como avanzou a presidenta do Padroado da Cultura e alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro.
Alumnado do Practicum da Escola de Formación de Actores de Narón conforma o elenco desta peza: Alexis Sequeiro, Carmen Caeiro, Elisardo de la Cruz, Franki Muíño, José Piñeiro, Luís Pillado, Manuel López, Marcela Ceballos, Saínza Ruíz e Vicky Sas.
O espectáculo xa se representou en Ribeira e A Pobra e estrearase en Narón con motivo do acto central da celebración dos 40 anos de formación e promoción teatral da Escola de Teatro do Padroado da Cultura.
A obra conta a historia de Viola e Sebastián, dous irmáns xemelgos que tras un naufraxio chegan á costa do reino de Iliria e acaban separados crendo na morte un do outro. Viola faise pasar por un paxe chamado Cesario na corte do duque Orsino e a partir de entón sucederanse unha serie de enredos, mentiras, identidades falsas e personaxes do máis extravagantes. “Noite de Reis” é unha comedia de enredo que plantexa en clave de humor diversos temas como a identidade de xénero asignada polo aspecto, entre outros.
A Escola de Teatro de Narón comezou a súa andaina no curso 1981/1982, co fin de dar pulo á formación teatral e á actividade escénica. Cada curso desenvolve dous proxectos de actuación, a Escola Municipal de Formación de Actrices e Actores e os Obradoiros municipais de Teatro.
No primeiro caso a finalidade é a formación integral do alumnado na Interpretación, con tres cursos e un Practicum, se ben no caso dos obradoiros, desenvólvense actividades teatrais de carácter cultural, socio-educativo e de lecer: teatro infantil, xuvenil e de persoas adultas. Na súa dilatada traxectoria, a Escola de Teatro de Narón estreou diversas pezas que se representaron en varios puntos do país e axudou a facerse a moitas compañías profesionais e grupos amadores de teatro que manteñen viva a escena galega.
Así mesmo, tal e como se recordou, no ano 2012 recibiu o Premio Xiria ó Labor Teatral, outorgado no transcurso da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, como recoñecemento ao seu traballo de promoción e formación teatral en Galicia.
Ferreiro destacou que “é un orgullo poder celebrar estes corenta anos de actividade da Escola de Formación de Actrices e Actores de Narón, que espero que cumpra moitos máis e que se manteña como un referente dentro do sector cultural dentro e fóra de Galicia”.
Así mesmo, a presidenta do Padroado da Cultura, agradeceu o labor que desenvolveron e desenvolven todas as persoas implicadas tanto na súa constitución como na traxectoria posterior e tamén a confianza de todos aqueles profesores e alumnos “que contribúen a que a Escola de Teatro de Narón siga mantendo un espazo privilexiado no mundo cultural”