Programación cultural para infantes, Ares

A concellaría de Cultura de Ares vén de anunciar o conxunto de actividades que se promoven esta semana para os máis pequenos.

En colaboración co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) compartido entre Ares, Cabanas, Mugardos, Neda e Valdoviño, e baixo o plan de fomento da lectura “Ler conta moito” da Xunta, o Concello achega dúas iniciativas para finalizar a semana.

A primeira desenvolverase o xoves, 31 de marzo, ás 18.00 horas e combinará gastronomía e poesía para os nenos de 5 a 9 anos. A Alianza Aresana recuperará o contacontos de “Marcelina en la cocina”, adiado a semana pasada, e incorporará unha sesión-obradoiro onde os pequenos aprenderán a facer milfollas de paté de marisco.

Será todo co foco posto na historia que se narrará, centrada nas aventuras de Marcelina, unha xirafa cociñeira que desexa preparar unha gran cea para a súa sobriña, mais armará unha lea despois de recibir os consellos disparatados dos seus amigos. A historia baséase no libro homónimo ó contacontos, unha publicación rimada que axuda a ter un primeiro contacto coa poesía de maneira divertida.

Dende a área de Cultura apuntan que para acudir ó contacontos e o posterior obradoiro será necesario inscribirse previamente contactando vía telefónica no 981 448 057.

TRÉMOLA TEATRO NA GALIÑA AZUL

A segunda actividade que recalará en Ares levarase a cabo na escola infantil da Galiña Azul o venres, 1 de abril, precisamente para que tamén os máis pequenos de 0 a 4 anos conten con actuacións en galego. O espectáculo sensorial “Que animaliño é?”, promovido dende a área de Cultura e o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Mancomunidade, desembarcará na escola da man de Trémola Teatro.

A obra, unha das principais actividades compartidas entre os concellos que integran o Servizo, fará que os bebés poidan gozar, coñecer e recoñecer o que vén ao seu redor a través dunha caixa máxica da que non pararán de saír diferentes animais. As creadoras, Paula Regueiro e Lucía L. Golán, actrices tituladas, abrirán así o mes de abril con doses de teatro infantil e diversión.

Lea también

San Sadurniño otorga ás familias preto de 23.500€ en axudas ao estudo

23.496,20€, importe total que o Concello de San Sadurniño distribuíu en forma de axudas entre …