Xornada formativa sobre os Fondos Europeos Next Generation, Narón

O salón de actos da Cooperativa do Val, Narón, acollerá o vindeiro 7 de abril unha xornada formativa sobre os fondos Next Generation, o fondo Europeo de Recuperación que permitirá a España obter 140.000 millóns de euros entre os anos 2021 e 2023, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia España 2021-2023

A convocatoria, aberta á participación da cidadanía en xeral, dará comezo ás 18.00 horas e foi presentada hoxe no Consistorio polo concelleiro de Promoción Económica, David Pita, e a xerente da Cooperativa do Val, Marta Vázquez.

A persoa encargada de impartir a xornada será Beatriz Alonso, licenciada en Ciencias Políticas e Socioloxía, na especialidade de Administración Pública, pola Universidade Complutense de Madrid e cunha dilatada experiencia profesional. A transición ecolóxica, a transformación dixital, a igualdade de xénero e a cohesión social e territorial son as áreas nas que se vertebrarán as citadas axudas europeas.

“Trátase de poñer en coñecemento do sector empresarial e da cidadanía en xeral os fondos Next Generation, para informalos sobre os tipos de fondos que van chegar de Europa e como poder optar a esas axudas”, explicou Pita.

Como captalos, que fondos hai, como solicitalos, cales son as oficinas tramitadoras e como informarse ou a que axudas se poderá optar en cada caso son algúns dos temas que se abordarán na convocatoria, tal e como indicou o edil naronés.

A xerente da Cooperativa do Val agradeceu a iniciativa do Concello e amosou a súa disposición a continuar colaborando nesta liña. “Este concello ten un gran número de empresas e é importante que poidan coñecer o tipo de axudas existentes e a súa tramitación, sobre todo tendo en conta a situación de recuperación económica que se precisa”, asegurou Vázquez.

O edil naronés e a xerente da Cooperativa do Val animaron á cidadanía a acudir a esta xornada para informarse e realizar as preguntas que consideren oportunas sobre os citados fondos europeos.

Lea también

La academia de Baile All Dance Studio actúa este sábado 31 en Narón

El Centro Comercial Odeón acoge este sábado por la tarde la exhibición de la escuela …