Xornadas «Evolución do sector costeiro de Narón como consecuencia do aumento do nivel do mar»

O concelleiro de Promoción Económica, David Pita, e o xeólogo Francisco Canosa presentaron este luns, día 14 de marzo, no Concello de Narón unhas xornadas divulgativas sobre a “Evolución do sector costeiro de Narón como consecuencia do aumento do nivel do mar”

A cita terá lugar o vindeiro 29 de marzo, de 16.30 a 20.30 horas, no salón de actos da Cooperativa do Val (estrada de Valdoviño, 459-461). O edil naronés anunciou que o prazo de inscrición nesta convocatoria, á que poderán asistir un máximo de cen persoas, se abrirá este martes, día15, podendo anotarse a través do Rexistro municipal, da Sede Electrónica de Narón ou do correo electrónico: me.mendez@naron.es (indicando nome e apelidos, dirección, DNI e un teléfono de contacto)

Pita explicou que estas xornadas se enmarcan no programa “Mergullando no litoral de Narón” organizado polo Concello en colaboración co Grupo de Acción Local Pesqueiro Golfo Ártabro Norte, do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.

“A través desta iniciativa tratamos de poñer en valor a costa de Narón dende o ámbito xeolóxico, destacando o seu potencial e dándolle visibilidade, porque consideramos que é un produto turístico que se pode explotar, é un tesouro que temos e é preciso poñelo en valor”, asegurou.

Pola súa banda, o xeólogo Francisco Canosa recoñeceu que “é un pracer volver a colaborar co Concello de Narón, na posta en valor dos seus recursos naturais”. Respecto ó contido das xornadas indicou que tamén participará como poñente o catedrático de Xeografía Física pola USC Augusto Pérez Alberti, que explicará as consecuencias que ten sobre o sector costeiro a evolución da zona do litoral. Canosa encargarase de completar as xornadas abordando a xeoloxía de Narón, “para que a xente saiba como se formaron as rochas nesta parte da costa e darlles un valor engadido”.

A través destas xornadas, tal e como indicou Pita, “preténdense dar a coñecer os cambios e fenómenos erosivos que se producen nos cantís de Narón, que se caracterizan por ser moi inestables e activos, e avanzar tamén as consecuencias desa evolución a medio ou curto prazo”.

O edil naronés animou ás persoas interesadas nesta temática a acudir ás xornadas, con inscrición de balde.

Lea también

Narón acolle a I Feira de Literatura e Arte

O pavillón da Mocidade, na Gándara, acolle esta fin de semana, o venres 29 e …