Actos conmemorativos do 50 aniversario do CPI do Feal, Narón

A alcaldesa, Marián Ferreiro, acudiu este mediodía ós actos de celebración do 50 aniversario do CPI do Feal. O director das instalacións, Juan Carlos Bedia, recibiu á rexedora local e á edil de Ensino, Mercedes Taibo, acompañado por integrantes da directiva, do inspector de Educación na zona, de profesorado e da ANPA do centro naronés e unha representación do alumnado.

Ferreiro agradeceu o convite ó acto e felicitou ó equipo directivo e profesorado e tamén ós representantes da ANPA polo traballo realizado. Así mesmo, tivo palabras de agradecemento para as exdirectoras e o exdirector do CPI do Feal que participaron no acto celebrado este luns día 7 de marzo, Amelia Conde, María Dolores Vizoso, Pedro Abeal e Víctor Novo e tamén para aqueles que, por diferentes motivos, non puideron estar físicamente.

“Parabéns polo voso labor neste centro, un dos máis antigos da cidade e que onte cumpriu 50 anos”, subliñou a alcaldesa. Así mesmo, no transcurso do acto destacou o traballo realizado polas alumnas que deseñaron a imaxe deste aniversario e dunhas chapas conmemorativas para, finalmente, entregar ó director unha réplica da escultura “Anduriña”, autoría do naronés Manuel Patinha, en recordo desta data tan especial no centro.

Catro alumnas do colexio acudiron á convocatoria, presenciando as intervencións e a actuación dun grupo de integrantes da Banda de Gaitas de Narón que se sucederon no exterior das instalacións. Celtia Dopico realizou o deseño no que se inspirou o logotipo do aniversario do colexio e Tania López o dunhas chapas conmemorativas, mentres que Maite Sánchez e Alba Souto acudiron como representantes do Consello Escolar.

As exdirectoras e o exdirector do centro fixeron tamén no acto un repaso da súa estadía polo CPI do Feal, do que aseguraron gardar gratos recordos. Ó remate do acto Juan Carlos Bedia indicou que o centro desenvolverá varias propostas para conmemorar esta data ó longo do actual curso escolar.

Lea también

Aparece en un río de Narón el cadáver de un hombre de ochenta años de edad

Los Bomberos de Narón han rescatado en el río Santa Cecilia,-Freixeiro, en la parroquia de …