Unha vintena de persoas inscribíronse no curso de “Turismo mariñeiro” iniciado na tarde do mércores, día 2 de marzo, nas instalacións do Club de Golf Campomar, na parroquia naronesa do Val, tal e como indicou o concelleiro de Promoción Económica, David Pita.
Trátase dunha proposta enmarcada no programa “Narón emprende en azul” e que conta co apoio do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Golfo Ártabro Norte. O edil de Medio Ambiente, Santiago Galego, acudiu á presentación da convocatoria, impartida por profesionais na materia.
As sesións están enfocadas ó sector do turismo mariñeiro e inciden especialmente nas vías de diversificación da actividade pesqueira, atendendo ás posibilidades de crear novas fontes de ingresos sostibles á xente do mar e tamén mellorar a calidade de vida das zonas costeiras, tal e como se anunciou.
O curso desenvolverase tamén, este xoves día 3 de marzo, de 16.00 a 20.00 horas, e rematará este venres día 4, de 16.00 a 19.00. Os novos modelos de negocio como futuro do sector, como é o caso do turismo mariñeiro, forman parte dos contidos que se impartirán durante estas tres xornadas.
A posta en valor do traballo dos profesionais do mar, o deseño de proxectos para dalo a coñecer á cidadanía e a potenciación da diversificación pesqueira e económica do territorio forman parte dos obxectivos desta convocatoria.