A alcaldesa Marián Ferreiro Díaz, xunto co conselleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, o presidente da Asociación Memoria Histórica Democrática, Manuel Fernández Pita, e o vicepresidente da Asociación Cultural Fuco Buxán, Víctor García Novás, anunciaron a celebración dunha Mesa Redonda que, baixo o título “10 de Marzo do 72. Presente e futuro” terá lugar no Auditorio municipal, sito na Praza de Galicia, o venres 25 de febreiro ás 19.30 horas.
O evento enmarcase nos actos conmemorativos dos 50 anos das protestas e movilizacións obreiras que nesa data na cidade de Ferrol desembocaron, froito da represión, no asasinato dos traballadores Amador Rey e Daniel Niebla, máis de corenta feridos de bala e numerosas persoas detidas entre as que se encontraban os dirixentes sindicais Rafael Pillado, José María Riobó e Manuel Amor Deus.
As persoas que participarán como ponentes na Mesa Redonda serán: Rafael Pillado, cofundador das CCOO e do Partido Comunista de Galicia; Sari Alabau, profesora, militante do PCG e presidenta de Asfedro; Xosé Gómez Alén, catedrático, historiador e vicepresidente da Fundación «Xaime Quesada Blanco», e Ánxela Loureiro, mestra i escritora, que tamén actuará de moderadora.
Os representantes da Asociación Memoria Histórica Democrática e Asociación Cultural «Fuco Buxán» manifestaron o agradecemento ó Concello de Narón polo apoio recibido no marco das actividades que están a programar para este ano no cincuentenario do 10 de Marzo do 72, coa que sería a primeira Mesa Redonda que se vai realizar.
Os representantes municipais reafirmaron o apoio do Concello nestes actos e agradeceron a ambas entidades o traballo que veñen realizando ó longo dos anos en prol da Historia e da Cultura.