Trípticos e renovación da sinalización do Camiño Vello a Santo André de Teixido, Narón

O Concello de Narón, a través da Concellería de Turismo que dirixe a edil Natalia Hermida, editou 2.200 trípticos informativos sobre o Camiño Vello a Santo André de Teixido, unha ruta milenaria cuxo tramo naronés parte do mosteiro de San Martiño de Xuvia, na parroquia do Couto.

A edil explicou que a información se ofrece en galego, castelán e inglés e destaca os puntos de interese do citado trazado. “Trátase dunha ruta moi transitada ó longo do ano nos seus 12,5 quilómetros ó seu paso por Narón e na que tamén instalamos a finais do pasado ano paneis informativos e incorporamos dezaseis novas balizas de granito coa icona dos peixes, co obxectivo de mellorar a sinalización de dirección da ruta para os camiñantes. Ademais, actuouse sobre outras balizas que se atopaban en mal estado, ó tempo que se retiraron os paneis informativos anteriores”, explicou Natalia Hermida.

A concelleira indicou que “nos paneis pódese obter información sobre recursos patrimoniais de Narón, ao tempo que unha orientación sobre o tramo do Camiño a Santo André”

Os cinco paneis informativos instalados están xunto ó mosteiro de San Martiño de Xuvia (O Couto), e nas inmediacións do Castro de Sequeiro (San Xiao), o Pazo Libunca (Castro), a Feira do Trece (Sedes) e o último que anuncia o final do tramo de Narón, no límite con Valdoviño.

“Os paneis dispoñen de audioguías, ós que se accede a través dos correspondentes códigos QR, tamén en tres idiomas, e que ofrecen información da ruta”, apuntou Hermida. Os códigos QR tamén figuran nos trípticos informativos, ofrecendo a posibilidade de ver a ruta a través da aplicación Wikiloc, wikiloc.com, coñecer máis polo miudo os puntos de interese da ruta turismo.naron.es e tamén consultar a web da ruta rutas.naron.es

“Dende o Concello mantemos o noso compromiso coa revitalización desta ruta e do patrimonio e neste caso concreto impulsamos accións encamiñadas a fomentar a afluencia de camiñantes e a súa orientación, ó tempo que lles ofrecemos coa nova sinalización información sobre algúns dos puntos de interese deste tramo”, destacou Hermida.

Lea también

Axenda en Narón do 22 ao 23 de novembro

Venres 22 de novembro de 2024 Actividade: Obradoiro de defensa persoal para as mulleres Hora: …