O BNG acusa a PP e PSOE de defender un modelo minguante para Navantia Ferrol e esíxelles que lle levanten as restricións

O portavoz nacionalista de Industria, el ferrolano Mon Fernández, acusou a PP e PSOE no Parlamento galego de defender para Navantia na ría de Ferrol un mesmo “modelo de empresa minguante” e esixiu a ámbalas dúas forzas políticas “levantar o castigo, a cruz do mapa posta no seu momento por motivos estritamente políticos” e rematar coas restricións produtivas impostas nas instalacións ferrolás.

Logo de reprochar ao PSOE que pida apoio para o plan industrial asinado polos sindicatos, negociado polo goberno de Mariano Rajoy e asinado polo executivo de Pedro Sánchez xusto despois da moción de censura “practicamente sen miralo e o mellor exemplo da súa coincidencia en canto ao modelo de empresa que defenden”, Fernández recordou a contestación social en Ferrolterra a este plan do que, segundo advirtiu, implica manter Navantia exclusivamente na construción militar.

“No BNG estamos convencidos de que 40 anos despois, e no actual contexto de crise e de cambios enerxéticos e produtivos, é o momento de impulsar en Navantia Ría de Ferrol un proceso de modernización das infraestruturas ligado a un proceso de recuperación de actividades”, confrontou, para a continuación recalcar que esta é unha empresa pública de vital transcendencia económica e social para toda a comarca e para o conxunto do País, polo que considerou “inxustificábel que a Xunta pretenda desentenderse do futuro, da viabilidade, da actividade e do emprego desta empresa, que é o mesmo que desentenderse de Ferrol”.

Neste sentido, defendeu unha proposición non de lei para que o Goberno galego colabore coa SEPI no cofinanciamento e desenvolvemento dun centro de reparacións en Navantia Ferrol o que, segundo recordou, foi no seu día unha promesa do PP, un dos 13 compromisos do denominado Contrato con Ferrol que Núñez Feixóo anunciara durante a campaña electoral de 2009 e co que prometía crear 2.000 empregos.

“Seguimos agardando; e iso pese a que en 2011 o Parlamento aprobou unha iniciativa do BNG neste mesmo sentido e por unanimidade; é dicir, cos votos do PP. Este é o compromiso do Goberno Feixóo con Navantia e con Ferrol”, reprochou, durante a súa intervención na comisión parlamentaria de Industria, na que xunto ao impulso da área de reparacións no estaleiro, tamén defendeu a promoción por parte da Xunta de alianzas ou acordos entre os estaleiros galegos privados e Navantia para contratar preferentemente entre eles aqueles traballos que non poidan realizar por si propios, nunha iniciativa á que se opuxeron tanto PP como PSOE.

O deputado nacionalista por Ferrolterra reprochou o voto negativo de ámbalas dúas forzas estatais, ás que lles indicou que estamos nun contexto no que coinciden a necesidade de recuperar capacidades industriais coa necesidade de crear novos empregos que compensen os que se van perder por causa dos cambios tecnolóxicos e, nesta liña, avogou por impulsar sectores tecnoloxicamente avanzados e relacionados coa descarbonización e a dixitalización, como é o caso da construción naval, responsable da maior parte do tráfico de mercadorías mundial, que debe ser prioritaria.

Logo de recordar a proposta do BNG para crear un Complexo Integral da Construción Naval potenciando as diferentes áreas ou segmentos de actividade que existen nos estaleiros da ría ferrolá, Fernández apuntou ao departamento de reparacións como unha desas áreas a priorizar.”Un departamento que tivo unha facturación nos últimos 10 anos de 750 millóns, destinados nun 80% a retribuír ao persoal tanto propio como da industria auxiliar e que xera a maiores na comarca de Ferrol un 10% de negocio en consignatarios, prácticos, remolcadores e taxas portuarias, ademais de entre 8.000 e 15.000 pernoctacións por ano nos establecementos hoteleiros da zona”.

Ante a demanda para reparar no dique grande do estaleiro (único que pode acoller buques de grandes dimensións) á que tivo que renunciar Navantia (unha media de cinco barcos por ano durante os últimos 10 anos), defendeu a creación dun novo dique seco, específico para reparacións, que permitiría non só atender a demanda actual, senón tamén acceder a novos mercados por tipoloxía de buques  e compatibilizar estes traballos coas grandes transformacións, en alusión á reparación da plataforma que vai ter o dique ocupado durante 8 meses.

“Unha obra moi grande e moi esperada que da un pouco de aire a un sector literalmente afogado e que podería abrir o camiño a que máis plataformas deste tipo viñeran acometer grandes reparacións a Ferrol”, subliñou, para rematar a súa intervención reclamando os investimentos necesarios neste sentido.

Lea también

Los trabajadores de Navantia Ferrol votaron paralizar los trabajos de aceros de las F-110

Los operarios de Navantia Ferrol han aprobado este miércoles, mediante un referéndum con voto en …