O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol diante do tráxico accidente que lle custou a vida a un veciño da cidade nas baterías militares de cabo Prior quere trasladar o seu pésame á familia e achegados do falecido e así mesmo informa de que vén de rexistrar unha iniciativa parlamentar dirixida ao Ministerio de Defensa para coñecer se ten previsto tomar algunha medida que poida evitar novos sucesos nestas instalacións.
Iván Rivas, portavoz nacionalista no concello de Ferrol, indicou que «non podemos facer como se non tivera acontecido nada e que cómpre que dunha vez se tomen as medidas necesarias para rematar co abandono destas instalacións por parte do Ministerio de Defensa. É por iso que nos interesamos por coñecer se o Ministerio de Defensa é consciente do perigosas que poden ser estas instalacións abandonadas para as e os visitantes e se ten previsto tomar algún tipo de medida correctora«. Iván Rivas, considera ademais que «debería ser unha obriga do Concello de Ferrol dirixirse ao Ministerio de Defensa para que manteña en bo estado estas instalacións.»
O BNG lembra que o Ministerio de Defensa posúe na cidade «múltiples instalacións desafectadas, a maior parte delas nun estado de total abandono, e que as demandas por parte do BNG para a recuperación, mantemento e conservación destas é insistente ao longo das últimas décadas.»
Indica o BNG tamén que este Ministerio «posúe tras de si unha prolongada e pertinaz secuela de abandonos con desprotección e ruína. Aquí desde Castelos a baterías pasando por edificios de grande valor patrimonial e histórico e amplos espazos de indiscutible valor natural, foron e son pasto do deterioro, agardando non se sabe exactamente o que.»
As múltiples baterías de costa que se estenden pola práctica totalidade do litoral ferrolán «atópanse nun total estado de abandono pese ao elevado atractivo que despertan entre a poboación polo seu enclave natural, polo seu valor paisaxístico, ou pola interese da “arquitectura militar” o que as converte en obxecto de múltiples visitas xa que son plenamente accesibles para todo o mundo sen ningún tipo de medida de protección nin advertencia sobre a súa perigosidade.«
Iván Rivas considera «fundamental» que o Ministerio de Defensa a «suma a súa responsabilidade de mantemento e conservación dunhas instalacións abandonadas e insta ao goberno local para que demande do Ministerio o cumprimento das súas obrigas. É por iso que se interpela ao Ministerio para coñecer se mantén algún tipo de contacto co Concello de Ferrol para corrixir estas deficiencias e evitar novos accidentes.«