A Biblioteca municipal de Narón acolle o acto “Usuarios de honra 2022″

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, presidiu este sábado, día 8 de xaneiro, o acto de distinción de “Usuarios de honra 2022” da Biblioteca municipal, acto no que estivo acompañada pola edil responsable da citada área, Mercedes Taibo.

A convocatoria organizouse un ano máis e xa van nove con este para conmemorar o Día dos usuarios da Biblioteca, que se celebra cada 11 de xaneiro. Ferreiro e Taibo entregaron ós usuarios de honra un diploma acreditativo e un pequeno agasallo.

Na categoría infantil (ata 14 anos), obtiveron a distinción pola súa especial implicación coa biblioteca durante o pasado ano Ricardo Felipe Fuentes Hedo, Mateo Pita Couce, Olalla Calvo Paz, Leontine Adveumbalum Diatta Diatta e Nerea Campo Pita.

Así mesmo, na cateogría de adultos os usuarios e usuarias de honra 2022 son: Miguel Ángel Ruiz Ruiz, Cristina Casteleiro Lorenzo, Amador Serrano Sol, María Edelmira Casal López e Ainara Blanco Otero.

Debido á situación sanitaria o acto de entrega das distincións non se realizou de xeito conxunto, polo que as persoas foron chegado escalonadamente, tal e como se lles indicou, entre as 11.00 e as 11.30 no caso das de menor idade e de 11.30 a 12.00 as de categoría de adultos.

A alcaldesa destacou a importancia deste acto e o feito de que as persoas distinguidas como usuarios de honra se impliquen tan activamente nas actividades que se desenvolven ó longo do ano nas citadas instalacións.

“Queremos felicitarvos hoxe publicamente neste acto e recoñecer un ano máis a vosa implicación e participación activa nas propostas que se impulsan dende aquí e animarvos a que o continuedes facendo”, asegurou Ferreiro.

A Biblioteca municipal comezou a funcionar no ano 1986 no actual edificio da Casa da Cultura nas inmediacións da estrada de Castela e no ano 2003 inauguráronse as actuais instalacións, localizadas na rúa 25 de Xullo. A maiores das actividades que se levan a cabo ó longo do ano, ofrécense os servizos de lectura en sala, préstamo a domicilio e hemeroteca, entre moitos outros.

O horario de apertura das instalacións durante a tempada de inverno é de luns a venres, de 9.30 a 13.30 e de 16.00 a 21.00 e os sábados de 10.00 a 13.00 na sala de adultos e de luns a venres de 17.00 a 20.00 e os sábados de 10.00 a 13.00 horas na sala infantil.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …