Programación do Pazo da Cultura de Narón

O Pazo da Cultura continúa acollendo esta semana programación cultural de finais de ano e tamén espectáculos da Cidade dos Agasallos. Este martes día 28 e o mércores 29 de decembro, terá lugar o novo espectáculo de Xosé Antonio Touriñán e Carlos Blanco, “Somos Criminais 3”, en ambos casos ás 20.30 horas.

Os espectadores terán a oportunidade de coñecer unha pormenorizada análise que fan de Galicia estes dous recoñecidos actores galegos, que traballaron co director naronés José L. Prieto nos textos. As escasas entradas aínda dispoñibles poden adquirirse na billeteira do Pazo ou na web do Padroado da Cultura: www.padroadodecultura.es.

Así mesmo, este mércores 29 e xoves 30 de decembro, continuarán no Pazo os microespazos da Cidade dos Agasallos, con entrada de balde. Na xornada do mércores poderase ver a obra “Zona en obras”, de Brais das hortas, ás 18.00 horas, en substitución da prevista inicialmente. Contos de osos tristes, de extraterrestres que viaxan en caldeiros de fregar, de cans de palleiro que se converten en superstars…música, títeres e unha gran interacción co público durante todo o espectáculo.

O xoves 30 será o turno de “O Crebanoces”, de Larraitz Urruzola, tamén ás 18.00 horas. Neste caso, trátase dunha proposta de títeres con técnica mixta que se inspira no conto de Hoffmann. A música de Tchaikowsky acompañará esta historia, na que o padrino Drosselmeier contará a historia do xoguete que lles entregará no Nadal ós seus sobriños, un boneco crebanoces.

No Pazo da Cultura, a partir de hoxe xa se poden reservar as entradas, de balde, para acudir o vindeiro 5 de xaneiro a saudar ós Reis Magos. Estarán nos seus tronos do Pazo entre as 11.00 e as 14.00 e de 16.30 a 21.00 horas, debendo chamar ó teléfono 981 102 897 as persoas que desexen acudir a ver a Melchor, Gaspar e Baltasar, cos que poderán conversar uns minutos.

Este xoves, día 30 será o tradicional concerto de Fin de Ano da Agrupación Cultural Musical Sementeira, de Narón, ás 19.30 horas. As entradas teñen un prezo de dous euros e poden adquirirse no despacho de billetes do Pazo.

A programación de Nadal do Pazo acolle tamén estes días a Cidade dos Agasallos, donde se ubica a Oficina do Correo Postal. Ata alí poden achegarse as persoas que o desexen para deixar as súas cartas ós Magos de Oriente, en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 21.00 de luns a venres e os sábados e domingos de 11.00 a 14.00 horas (sen reserva previa).

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …