O «Mercado de 2ª man” organizado polo Concello de Narón alcanzará este ano a duodécima edición. O evento, un dos clásicos no calendario da cidade, non se puido celebrar o pasado ano debido á situación sanitaria e retómase nesta ocasión con dúas xornadas, este sábado 4 e domingo 5 de decembro, no recinto feiral do Trece, na parroquia de Sedes.
Así o anunciou o concelleiro de Feiras e Mercados, Santiago Galego, que indicou que confirmaron a súa participación nesta convocatoria un total de sesenta e nove postos.
As persoas que acudan á cita, a entrada é de balde, poderán adquirir diversos artículos de segunda man, como roupa, calzado, libros, xoguetes, bisutería e complementos, pezas de decoración e coleccionismo, antigüidades, mobles, lámparas ou cerámica, entre outros.
“A través deste mercado tratamos de darlle unha segunda vida a este tipo de produtos, ofrecendo un espazo a aqueles particulares que queiran desfacerse deles”, apuntou Galego. O edil naronés avanzou que se realizarán sorteos de cestas e produtos de Nadal ó longo da mañá e da tarde, durante os dous días, para premiar á clientela que adquira algún produto nos postos deste mercado.
Así mesmo durante os dous días organizaranse obradoiros para nenos, para os que non se precisará inscrición previa, podendo acudir por orde de chegada ata completar as prazas de cada un deles. O sábado pola mañá haberá obradoiros de fabricación de muérdago con corcho e de xoguetes con tapóns de plástico e pola tarde serán os de lapiceiros con rollos de papel e xoias con chapas de abrir os refrescos.
O domingo pola mañá terán lugar os de fabricación de bolas de Nadal con telas e tarros con sal de cores, e pola tarde os de maceteiros con latas e pinzas e o de construción de instrumentos con materiais de refugallo.
O mercado terá tamén unha vertente solidaria. As persoas que instalarán os postos doarán catro quilos de alimentos que se doarán ó Centro de Recursos Solidarios de Narón, que instalará un posto no que as persoas que acudan poderán tamén realizar doazóns de alimentos de primeira necesidade e produtos de hixiene.
O “Mercado de 2ª Man” estará operativo en horario de 10.30 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas, o sábado e o domingo, tal e como indicou o edil naronés, que animou ós veciños de Narón e comarca a acudir a esta cita.