O Grupo de Bailes Tradicionais “Alxibeira”, do Padroado da Cultura, presenta este domingo, día 28 de novembro, no Pazo da Cultura, o seu novo repertorio.
A alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, destacou o traballo realizado dende a formación “por continuar mantendo vivas as nosas tradicións culturais e ofrecernos este novo repertorio con novas músicas, cancións, vestiarios e bailes”. A cita será ás 19.00 horas e as entradas poden adquirirse, a un prezo de tres euros, na billeteira do Pazo e na web do Padroado da Cultura: www.padroadodecultura.es.
A alcaldesa destacou o importante labor de todas aquelas persoas que, na traxectoria desta agrupación (constituída no ano 1986) fixeron posible recuperar unha parte moi importante da cultura tradicional galega e ser hoxe en día un referente dentro e fóra de Narón. Baixo a dirección de Quique Peón, os integrantes de “Alxibeira” subiranse o domingo ó escenario do Pazo para deleitar ó público, durante aproximadamente unha hora, co seu repertorio.
O Grupo de Bailes Tradicionais “Alxibeira” intégrano, dende a súa constitución, varios rapaces de Narón e tamén doutros concellos. Coa chegada do novo repertorio tamén se coñecerán as novas incorporacións a esta agrupación que partiu de alumnado das Escolas de Baile Tradicional do Padroado da Cultura de Narón.