O BNG e ADEGA promoven un acordo plenario en Ferrol contra o desperdicio de alimentos

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol presentou ao pleno ordinario deste mes unha moción promovida pola delegación comarcal da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) co obxectivo de concienciar á sociedade sobre a problemática alimentaria e a necesidade de evitar o desperdicio de alimentos.

Nesta iniciativa conxunta destacase o feito de que en Galicia perto da metade das familias galegas teñen problemas para chegar a fin de mes, «o que con certeza está a influír na súa alimentación imposibilitándoas a levar unha dieta saudábel e o acceso a alimentos de calidade«. O acceso a alimentos de calidade frescos e locais, «está a ser unha das novas desigualdades na nosa sociedade, nas que por un lado temos un grupo de xente que pode levar unha alimentación saudábel e de alto valor, mentres outro grupo, este cada vez máis numeroso, non pode acceder a este tipo de alimentación.«

Nesta iniciativa proponse que o Concello de Ferrol desenvolva unha campaña de concienciación sobre a problemática alimentaria. Que se dirixa aos centros de distribución de comida ou alimentos (grandes superficies, cadeas de supermercados, restaurantes, entre outros) instándoos a doar os alimentos acumulados, antes de que caduquen, en vez de tiralos ao colector e promova que isto se faga a través dun servizo local e público ou ben por medio de entidades que, desde fai anos, desenvolven entre as súas actividades o reparto de alimentos.

Así mesmo pide que se desenvolvan actividades de concienciación dirixidas á centros de ensino, entidades veciñais, e movemento asociativo e veciñanza en xeral sobre a problemática alimentaria, a importancia de planificar as compras e as comidas, para deste xeito evitar o desperdicio de alimentos e que se potencien os mercados municipais de Recimil, Caranza e A Madalena como centros de venda de produtos locais, frescos e de tempada.

A moción tamén incide en que o desperdicio de alimentos nas súas diferentes etapas está a ser un factor decisivo no cambio climático. «O desperdicio de alimentos supón, case o 10% das emisións de GEI a atmosfera, ademais de aumentar a contaminación de augas e terras, por uso dos agro-tóxicos e outros insumos e tamén está a aumentar o estrés hídrico en moitas partes do planeta. O desperdicio de alimentos, segundo axencias dependentes da ONU, supoñen un custe económico que supera os 400 mil millóns de dolares.»

Ademais, hai que sinalar que o desperdicio de alimentos está a causar na maioría dos concellos o encarecemento da factura polo tratamento e recollida deste lixo, «xa que a fracción orgánica ven a supor o 40% do peso da bolsa que xeramos diariamente , co cal, ven a supor o 40% da factura que o Concello de Ferrol paga pola recollida e tratamento do lixo cada ano.»

É por iso que na moción tamén se insta ao goberno local a implantar na cidade o sistema de compostaxe comunitaria tanto na zona urbana como na rural, xunto con campañas de concienciación dos beneficios, económicos, sociais e medio ambientais desta forma de tratar o lixo.

Lea también

La decana electa del Colegio de Abogados de Ferrol recurrirá la nulidad del proceso declarada por el Consello

La decana electa del Ilustre Colegio de Abogados de Ferrol en las votaciones del pasado …