Escolares de Narón e comarca acoden ós espectáculos da 37 Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil

O Pazo da Cultura de Narón acolle este martes 16 e mércores 17 de novembro, un novo espectáculo da “37 Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil” organizada polo Padroado da Cultura de Narón, en colaboración coa Deputación da Coruña.

Un total de 1.478 escolares de quinto e sexto curso de Primaria e de primeiro e segundo da ESO desprazaranse hoxe e mañá ó Pazo para ver a obra “Rosalía”, de Culturactiva. Tanto o día 16 como o día 17 , haberá dous pases, ás 10.00 e ás 12.00 horas.

Na xornada do martes 16, asiste á Mostra alumnado dos colexios da Solaina, Virxe do Mar, Ponte de Xuvia, Piñeiros, Jorge Juan, A Gándara e do IES As Telleiras e o mércres 17 acuden os menores do Juan de Lángara, Lestonnac, Rodolfo Ucha, Isaac Peral e Catabois (Ferrol), O Feal (Narón), Maciñeira (Neda), Xunqueira (Fene), Unión Mugardesa (Mugardos) e As Mirandas (Ares).

A protagonista desta obra é Rosalía, esa muller que aínda non precisaba apelidarse Castro e que está a piques de marchar a Santiago. Na obra cóntase ós rapaces e rapazas que a infancia é o lugar onde medran as poetas.

A vindeira semana programouse para os días 24, 25 e 26 de novembro a representación da obra “Pinocho”, da compañía Ghazafelhos. O espectáculo é unha adaptación libre da obra de Carlo Collodi realizada por Pepablo Patinho.

A posta en escena combina os monicreques, o teatro e a música en directo para narrar unha emocionante aventura que amosará un camiño cheo de humor e sensibilidade. Acudirá neses tres días alumnado de primeiro a cuarto curso de Primaria da Solaina, Virxe do Mar, Ponte de Xuvia, Piñeiros, Santiago Apóstol, e o Feal, de Narón e, doutros concellos da comarca, do Juan de Lángara, Xunqueira, Virxe da Cela (Monfero), As Mirandas, Unión Mugardesa, Maciñeira (Neda) e Franza (Mugardos).

Este ano representaranse un total de cinco espectáculos para escolares de centros de Narón e comarca: “De aquí para alá”, de Lydia Botana, que puido ver no Auditorio Municipal do 2 ó 5 de novembro alumnado de 3 a 5 anos; “Me llamo Suleimán”, de Unahoramentos Producciones, no Pazo e para menores de terceiro e cuarto de ESO e primerio e segundo de Bacharelato os pasados 9 e 10 de novembro; “Rosalía”, de Culturactiva para escolares de quinto e sexto de Primaria e primeiro e segundo da ESO, que se representará hoxe e mañá no Pazo; “Pinocho”, de Ghazafelhos, para alumnado de primeiro e cuarto de Primaria, que se representará o 24, 25 e 26 de novembro no Pazo.

Finalmente, os días 30 de novembro e 1, 2 e 3 de decembro o snenos das escolas infantís municipais de Piñeiros, A Solaina e A Gándara e da unidade de Infantil do CPR Santiago Apóstol verán nos seus centros “Nube, nube, sol”, de Teatro ó Cubo. Trátase neste caso dun espectáculo cargado de diversión e aprendizaxe, pensado para achegar á primeira infancia a maxia dos ciclos da natureza e a importancia da choiva para que todo medre.

A programación da 37 edición da Motix chegará a preto de 4.500 escolares de Narón e comarca unha vez rematada esta mostra

Lea también

La academia de Baile All Dance Studio actúa este sábado 31 en Narón

El Centro Comercial Odeón acoge este sábado por la tarde la exhibición de la escuela …