O Concello de Narón abriu este luns, día 15 de novembro, o prazo para solicitar a instalación de postos no “XII Mercado de Segunda Man” que se celebrará os días 4 e 5 de decembro no recinto feiral do Trece, na parroquia de Sedes.
Así o anunciou o concelleiro de Feiras e Mercados, Santiago Galego, que incidiu en que está prohibida a venda de artesanía, animais, produtos alimenticios ou bebidas, dirixíndose ademais a convocatoria exclusivamente a particulares, non a comerciantes nin vendedores ambulantes.
Galego explicou que as solicitudes poderán formalizarse ata o 30 de novembro e indicou que se habilitarán un total de setenta postos, que se concederán por orde de solicitude. Os postos permanecerán abertos os dous días en horario de mañá e tarde, tal e como avanzou Galego, e pecharán ó mediodía durante unhas horas.
As solicitudes dos postos, as inscricións son de balde, deben formalizarse a través do Rexistro do Concello, por correo certificado ó Rexistro coa instancia de solicitude debidamente cumprimentada ou a través da Sede Electrónica do Concello.