O Concello de Narón acolleu este xoves, día 11 de novembro, unha actividade formativa organizada pola concellería de Igualdade, que preside a edil Mar Gómez, baixo o lema “Pensar e deseñar as cidades dos coidados” con enfoque e perspectiva de xénero no desenvolvemento do territorio.
A edil naronesa explicou que se trata dunha convocatoria dirixida a persoal técnico e político do Concello, que esta mañá asistiu á primeira das citas, ás 11.30 horas, sobre “Formación xenérica de Urbanismo con perspectiva de xénero, transversal ás diversas áreas municipais implicadas”.
Durante unhas dúas horas as persoas que participaron, implicadas no deseño e implementación do Plan Xeral de Ordenación Urbana Municipal (PXOUM) abordaron cuestións vencelladas á área de Urbanismo, o deseño e construción das cidades, a dicotomía entre público e privado, a visibilización de coidados a través dos espazos públicos, o desenvolvemento do territorio e participación cidadá e tamén puideron ver exemplos de boas prácticas.
Gómez explicou que a formación continuará cun segundo taller, tamén de dúas horas, e que terá lugar o vindeiro 18 de novembro ás 11.30 horas. “Formación específica adaptada ó PXOM do Concello de Narón transversal ás diversas áreas implicadas” é o título da convocatoria, na que se tratarán temas como a perspectiva de xénero, o diagnóstico da cidade contemporánea, cánones e modelos do deseño arquitectónico e urbano, o cambio de modelo para unha sociedade inclusiva, as implicacións da aplicación da perspectiva de xénero no planeamento e no deseño arquitectónico e a cidade actual.
A edil de Igualdade recalcou que se trata “dunha formación moi a ter en conta á hora de deseñar o futuro das cidades, neste caso o futuro de Narón, donde a perspectiva de xénero debe estar moi presente de cara ao desenvolvemento do territorio”.