Novembro empeza forte en canto a programación cultural en San Sadurniño. Xa se pode visitar na casa do Concello a exposición «Medrando no Rural», de Paula Aneiros, este sábado, día 6 de novembro, desenvolverase o obradoiro fotográfico «O tecido da memoria» con Melania Freire (inscricións aínda abertas e a expensas de que se xunte grupo) e, ademáis, temos dúas propostas de escenario: este domingo, día 7 á tarde nos xardíns municipais a actuación de Magín Blanco e o sábado, a iso das 20:00h, Cándido Pazó traerá á casa da Cultura o seu monólogo «Botando a lingua a pastar».
As entradas, de balde, poden reservarse no 616 332 919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal.
O actor e dramaturgo volve a San Sadurniño tres anos despois de representar no mesmo espazo as “Memorias das memorias dun neno labrego”, inspiradas na afamada obra de Xosé Neira Vilas. Agora, Pazó volve tamén ao seu rexistro máis humorístico para presentarnos un espectáculo «Botando a lingua a pastar» baseado na súa especialidade: contar cousas con retranca para facernos pensar. Ó longo de algo máis dunha hora botará a lingua a pacer con contos tirados da tradición oral ós que el enfía engadíndolles historias creadas ou vividas que, en conxunto, constrúen un convite á reflexión sobre a lingua galega, a súa normalización e o seu incerto futuro.
Cultura ofrece 75 localidades gratuítas para asistir ó monólogo de Cándido Pazó. Máis da metade xa están cubertas e as reservas aínda se poden facer até o venres ó mediodía chamando ou mandando un whatsapp ó 616 332 919, ou ben no correo agustin.perez@sansadurnino.gal
Estas dúas vías son tamén as que se deben empregar para anotar a rapazada no obradoiro de tallado de cabazas que se desenvolverá este domingo, día 7 de novembro entre as 16.00 e as 18:00h na pista multixogos dos xardíns municipais. Hai 30 prazas en dous grupos de 15 e 15 participantes, un de 16 a 17:00h e outro de 17:00 a 18:00h. Ó seu remate chegará a hora de brincar e aprender no mesmo sitio coa música de Magín Blanco e «O que levamos nas maletas», unha proposta familiar que ten o obxectivo de estimular a creatividade infantil e a súa curiosidade polas letras e as palabras, pola lingua galega, polos contos e pola música.
Última oportunidade de inscribirse en «O tecido da memoria»
Dentro das actividades da fin de semana queda por comentar o obradoiro fotográfico e artístico «O tecido da memoria», dirixido por Melania Freire, con previsión de levalo a cabo este sábado día 6 pola mañá.
Hai máis dun mes que se abriron as inscricións 981 490 027 ext.1 ou a través do correo veronica.rodriguez@sansadurnino.gal e, a día de hoxe, só se apuntaron 4 mulleres. Neste sentido, o departamento de Igualdade dará de marxe ata mañá mércores para ver se se reciben máis solicitudes e, se non, o obradoiro suspenderase, aínda que co compromiso de tentar recuperalo máis adiante como parte de algún outro programa municipal, como por exemplo Tempos para compartir.
«Medrando no Rural»
Por último, desde hoxe está aberta na Casa do Concello a exposición «Medrando no Rural», impulsada pola concellaría de Cultura en colaboración coa artista plástica Paula Aneiros.
A pintora e deseñadora combina nas paredes da galería municipal varias imaxes e obxectos a xeito de recordatorio sobre como «o Rural» entendido como espazo físico, de cultura, tradición e vida se constrúe en feminino.