A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, asistiu este venres, día 15 de outubro, xunto con outros representantes da corporación municipal á mobilización convocada por traballadores de ElectroRayma con motivo da situación complicada na que se atopan actualmente.
ElectroRayma é unha empresa con sede en Narón con máis de trinta anos como proveedora do sector naval, con altas capacidades técnicas en proxectos, montaxes, reparacións e mantemento eléctrico, electrónico e sistemas de control, mesmo en reparación de motores e xeradores. A difícil situación do plantel de traballadores derivase principalmente da retirada de carga de traballo por parte de Navantia. Esta situación podería provocar un importante problema social na comarca como consecuencia da perda de emprego.
O Pleno do pasado mes de setembro do Concello de Narón aprobou unha declaración institucional na que se acorda instar a Navantia para que conte coa Empresa ElectroRayma para o desenvolvemento de novos proxectos co obxectivo de que esa carga de traballo evite que máis de trescentas familias se vexan afectadas á perda do seu emprego.
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, manifestou o seu apoio ós traballadores da empresa ElectroRayma nas súas reivindicacións e reiterou o apoio do Concello de Narón en todas as circunstancias nas que sexa posible desde a administración local