San Sadurniño-Programación cultural para as vindeiras semanas

A programación cultural prevista para este outono resérvanos tres espectáculos na Casa da Cultura, os tres distintos e os tres orientados tamén a públicos diferentes. Son propostas con entrada gratuíta  que chegan a San Sadurniño en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña.

O domingo 24 teremos sobre o escenario a montaxe “A lúa vai encuberta” sobre un texto de Manuel María e xa en novembro regresarán a San Sadurniño Cándido Pazó con “Botando a lingua a pastar”, recomendado para maiores, e Magín Blanco con “O que levamos nas maletas” para público familiar. As entradas poden ir reservándose no 616 332 919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal. Por outra banda, desde a Concellaría de Cultura recórdase que nestes días deben efectuarse as matrículas das distintas escolas municipais.

O domingo 24 de outubro ás 19:30h. erguerase o telón da peza “A lúa vai encuberta”, montaxe da obra escrita por Manuel María hai máis de 40 anos para ser representada pola Agrupación Cultural Auriense. Nunca chegou a estrearse e agora, baixo a dirección de Tito Asorey, o texto do escritor chairego cobra vida escénica da man das compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante. “A lúa vai encuberta” mestura as formas do teatro máis popular coas maneiras contemporáneas de abordar os textos, practicamente sen decorados e centrando a atención do público nas emocións das actrices e actores, neste caso o propio Asorey acompañado de Melania Cruz, Davide González e Vanesa Sotelo.

A seguinte cita é o sábado 6 de novembro ás 20:00h. con Cándido Pazó “Botando a lingua a pastar”. O monologuista, actor e dramaturgo volve a San Sadurniño, xa estivera en 2018 coas “Memorias das memorias dun neno labrego”, para presentarnos un espectáculo baseado na súa especialidade: contar cousas. Ao longo de aproximadamente unha hora botaralle contos tirados da tradición oral aos que el lle engade historias creadas ou vividas que, en conxunto, constrúen unha reflexión sobre a lingua galega, a súa normalización e o seu incerto futuro.

As propostas escénicas de Cultura para o próximo mes rematan aódía seguinte, o domingo 7 de novembro ás  18:00h co espectáculo de Magín Blanco “O que levamos nas maletas”. Trátase dunha proposta familiar que ten o obxectivo de estimular a creatividade infantil e a súa curiosidade polas letras e as palabras, pola lingua galega, polos contos e pola música. Magín Blanco encherá a Casa da Cultura con temas como “O abecedario” (utilizado en centros educativos para aprender as letras en galego) “Os meses”, “O tempo meteorolóxico”, “Os peixiños do mar” e outros moitos que achegan a riqueza lingüística do noso país a grandes e pequenas.

Os tres eventos culturais requiren reservar entrada até o venres anterior contactando co Técnico de Cultura  no 616 332 919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal.

Matrículas e trimestre das escolas culturais

Desde o departamento tamén se recorda que, unha vez iniciadas as escolas culturais, cómpre formalizar a matrícula e o pagamento do primeiro trimestre. Hai tres posibles vías para facelo: na Casa da Cultura con tarxeta ou app móbil, mediante transferencia bancaria a favor do Concello ou, a máis cómoda, domiciliando os recibos cubrindo un sinxelo formulario que nos facilitarán na oficina do centro cultural, onde atenden de luns a venres en horario de mañá.

Os prezos para Gaita, Pandeireta, Ximnasia de mantemento e Cantos de taberna son os seguintes: 16 € de matrícula e 31,83€ de cota trimestral para maiores de 18 anos e menores de 65. As persoas menores de 18 anos, maiores de 65, pensionistas, estudantes, familias numerosas e titulares do Carné Xove teñen un pequeno desconto, polo que lles quedaría en 15,32 euros de matrícula e 21,23 cada trimestre.

Lea también

Finaliza en Mugardos la campaña de donación de alimentos para las colonias felinas

El Concello de Mugardos informa del fin de la campaña de donación de alimentos húmedos …